Cultura presenta o ciclo Espazos Sonoros 2013 no que música e patrimonio volven ir da man

SANTIAGO. A sexta edición do ciclo Espazos Sonoros, que organiza a Consellería de Cultura e Educación, xa ten forma. Onte o conselleiro Xesús Vázquez presentou -acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a responsable do evento, Belén Bermejo- un programa de actividades, principalmente musicais, que se desenvolverán en diferentes espazos galegos de valor histórico desde o 8 de setembro ata o 27 de outubro. O museo etnolóxico de Ribadavia, a fábrica de Sargadelos ou a igrexa de Santa María da Armenteira de Meis serán algúns dos lugares escollidos nos que soará desde a música medieval ata a barroca, pasando polo flamenco e a danza, entre outras artes.

"Trátase dunha programación singular, dun ciclo con identidade propia e dunha cita consolidada", explicou o conselleiro durante a presentación que tivo lugar onte en Santiago no Centro Galego de Arte Contempóranea (CGAC). Esta edición, destacou Vázquez, segue "na procura da calidade e do valor estético", aínda que tamén das "novas tendencias musicais e do diálogo entre as artes en contornos pouco coñecidos". O programa debullouno Belén Bermejo, encargada de idear "este proxecto integrador de diferentes vertentes artísticas" que ten como obxectivo o fomento do "lecer de calidade" e a "valorización dos espazos". Unha idea na que abundou Lorenzo: "Póñense en valor espazos singulares que se conxugan coas propostas escénicas e musicais".

Así, o ciclo abrirao o 8 de setembro a formación Il Combattimento na igrexa de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, co seu repertorio de música medieval. A clausura, o 27 de outubro no mosteiro de San Rosendo de Celanova, correrá a cargo de Música Acordada, un prometedor proxecto galego de orquestra que interpreta composicións do barroco.

Entrambos, discorrerán outras actividades. O guitarrista flamenco Marcos Teira, colaborador de Uxía ou Budiño, estará o 14 de setembro no museo etnolóxico de Ribadavia, concerto que terá como prólogo un percorrido pola cultura vitivinícola do Ribeiro. Un día despois, Odaiko Percussion Group aterrará no castro de Viladonga, en Castro de Rei, cos seus innovadores ritmos. Antes farase unha visita á construción castrexa.

 

 

Comentarios