Cuntis queda sen subvención para o Cuntilín ''pola mala xestión de Pena''

A Consellería de Presidencia da Xunta revoca a axuda para o programa infantil
Unha edición pasada de Cuntilín.
photo_camera Unha edición pasada de Cuntilín.

O Goberno local de Cuntis, liderado por Manuel Campos, denuncia que está ''a sufrir unha vez máis a mala xestión de Antonio Pena e do Partido Popular na pasada lexislatura''.

A Consellería de Presidencia da Xunta informou, a semana pasada, ao Consistorio que revocan a axuda que concede a Consellería de Igualdade e Servizos Sociais para o programa Cuntilín. Na resolución, explican que o anterior Goberno cometeu unha serie de erros logo de ter a concesión da subvención que non son aceptables.

Logo de recibir a axuda, a Secretaría Xeral de Igualdade examinou a documentación achegada polo Concello e requeriu a subsanación das deficiencias detectadas. Concedíanlle quince días hábiles para que achegasen unha serie de documentos que amañasen as deficiencias atopadas.

DOCUMENTOS. Entre os numerosos documentos que Igualdade pedía, atópanse un xustificante bancario que acreditase o pagamento da factura do programa xa que non coincidían os nomes do beneficiario co da empresa que emitira a factura.

O presuposto do programa de actividades infantiles cuntiense superaba os 18.000 euros polo que debían xustificar este presuposto achegando tres das ofertas entre as que escolleran. Outro dos erros polos que a Consellería revocou a axuda de 12.000 euros ao Concello de Cuntis foi que nas facturas dos gastos do proxecto estaban incluídos gastos de alimentación ''que aínda que se poden considerar como custo da actividade, non teñen consideración de gastos subvencionables'', explica a resolución.

O trámite establecido rematou o 24 de xuño e o anterior Goberno local non presentou os documentos que lle pedían polo que o programa infantil para os nenos de Cuntis non contará co apoio económico da Xunta.

Comentarios