Da participación cidadá ás políticas forestais

O programa de doutoramento do Campus Crea S2i inicíase con 20 investigacións interdisciplinares e todas as súas prazas cubertas
Alumnos do programa e integrantes da comisión académica celebraron unha reunión
photo_camera Alumnos do programa e integrantes da comisión académica celebraron unha reunión

Unha vintena de investigadores procedentes de eidos como a comunicación, a bioloxía, a xestión pública, a enxeñaría forestal ou a moda integran a primeira promoción do programa de doutoramento en Creatividade e innovación social e sustentable, que este martes celebrou a súa posta en marcha coa realización dun seminario sobre liñas de investigación na Casa das Campás. Tras cubrir o máximo de prazas dispoñibles, 20, o "primeiro produto académico do Campus Crea S2i", como salienta o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, promoverá a realización doutras tantas teses de doutoramento definidas polo seu carácter interdisciplinar, ao ter que vincular cada unha destas investigacións, cando menos, dúas das seis liñas que se engloban neste programa formativo.

Seis liñas que vinculan a innovación cos eidos da saúde, a sustentabilidade e a comunicación, o deseño, a sustentabilidade dos recursos naturais, a gobernanza e a innovación pedagóxica para a profesionalización docente integran un programa que conta coa participación de preto de 150 investigadores, tanto dos tres campus da Universidade de Vigo como doutras institucións españolas e estranxeiras.

"Unir varias liñas de investigación e sectores moi diversos é algo moi real", salienta a profesora asociada de CCSS e da Comunicación Victoria Canoura sobre un programa de doutoramento no que proxecta afondar na súa investigación sobre "o novo cariz que está tomando o Goberno e a Administración coas novas tecnoloxías", focalizándoo na participación cidadá electrónica. "Nas ciencias sociais nada está illado do resto e non podo falar de políticas públicas sen falar de comunicación", engade a investigadora, que buscará neste doutoramento afondar na súa liña de investigación sobre goberno electrónico coa que o pasado curso recibíu o premio ao mellor traballo final no mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional.

VIDEOXOGOS. A liña de traballo coa que chega a este doutoramento o titulado en Comunicación Audiovisual José Ángel Alén é a de centrarse na comunicación política vinculándoa a "formatos de entretemento dixital" como memes ou videoxogos. Alén recoñece o atractivo do doutoramento tanto na posiblidade de "prepararte para ser docente universitario", como polo propio desenvolvemento da investigación en si.

Titulada en Publicidade e RRPP, Noa García buscará pola súa banda, poñer en relación os ámbitos da comunicación, o deseño e a imaxe. "É un programa novo, moi innovador e moi creativo", recoñece dunha iniciativa da que destaca as posibilidades que outorga o seu carácter interdisciplinar. "Ao principio parecíame un problema porque hai que abrir un pouco a mente para correlacionar dúas disciplinas, pero creo que é moi interesante", sinala.

Relacionar o eido das políticas públicas cos incendios forestais foi o que trouxo ata este programa a Manuel Ángel Gil, un titulado en Dirección e Xestión Pública que centrara o seu traballo de fin de grao nas políticas contra o lumes forestais. "É unha inquedanza propia", recoñece, No seu traballo conflúen o seu interese pola investigación e o feito de "ser unha persoa vinculada ao rural". Durante preto dunha década traballou no combate contra os lumes.

Comentarios