David Añón lidera ao PCF a ritmo de goles

O dianteiro coruñés é o pichichi do grupo I de Segunda B con cinco tantos
David Añón, ao remate do adestramento do Pontevedra
photo_camera David Añón, ao remate do adestramento do Pontevedra

Os compañeiros de David Añón tórnanse sarcásticos ao poñer o foco sobre el. Todos os comentarios se dirixen cara o atacante granate. E todos os eloxios. O seu gran comezo de curso, por segundo ano consecutivo, tradúcese nesta ocasión en puntería, en datos.

Algúns compañeiros lembran a súa baixa estatura e outros sinalan que a meirande parte dos seus goles chegaron de penalti para meterse con el. As bromas demostran o bo ambiente que reina no céspede da Seca, no campo de Poio, onde o Pontevedra se exercitou este luns, gozando aínda do reconfortante primeiro triunfo do curso.

Yuri O brasileiro foi o último xogador do Pontevedra que acabou a liga como pichichi 

As cifras colocan a Añón como máximo realizador da táboa de goleadores de Segunda División B.

O estremo acapara a atención do equipo polo seu bo comezo de temporada no plano individual, en canto a xogo e acerto. Cinco goles en seis xornadas convérteno nun dos homes máis destacados do seu equipo e da categoría.

El mesmo lle resta importancia ao feito. Sendo consciente de que sen gol un conxunto non é nada, desmitifica o valor das dianas para medir o rendemento individual dun futbolista. O ano pasado Añón foi igualmente Añón, particularmente no primeiro tercio da liga, ata que se mancou no nocello, e daquela non absorbera tantas miradas, eloxios nin mofas agarimosas dos compañeiros.

Igor O maior da saga De Souza foi o último granate en liderar a lista durante a temporada

Dase a circunstancia de que había dez anos que un futbolista granate non lideraba en solitario a lista de máximos realizadores de Segunda División B. O último en conseguilo fora Igor de Souza. O pistoleiro fixera un hat-trick no primeiro duelo do campionato 2007-2008 (contra o Fuenlabrada, o Pontevedra vencera por 2-4 con tres tantos do brasileiro), o que lle permitira estar á cabeza dos rematadores durante os tres primeiros enfrontamentos.

Algúns dos máis finos finalizadores que pasaron polo Pontevedra no que vai de século estiveron entre os mellores da táboa de goleadores ao remate do curso (Javi Rodríguez, o propio Igor, Charles, Pablo Carnero...), palabras maiores para David Añón, e máis se se ten en consideración que actúa normalmente de estremo. O último pichichi ao final do curso do Pontevedra foi Yuri de Souza, na Liga 2006-07.

E os últimos en estar entre os máximos goleadores, aínda que non en solitario, foron Mario Barco, na segunda xornada do curso pasado; Borjas Martín, ao remate de seis xornadas diferentes da primeira volta do campionato 2015-16, e Manu Barreiro, tras nove partidos do curso 2011-12, en Terceira División.

Para Añón, que logrou tres tantos de penalti e dous co balón en movemento, tampouco é un rexistro estraño: xa tivera inicios de liga con puntería cando estivera no Fabril e no Celta B.

Comentarios