De paseo por la memoria... de Pousa Antelo y Neira Vilas

Miñas donas e meus señores: Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única’.

Arrincaba así o discurso Alba de Groria, que Castelao leu alén mar, tal día coma hoxe, en 1948. Coa súa potente voz pronunciou as proclamas máis repetidas do nacionalismo galego. Cos seus discursos converteu a moitos a esta relixión e, despois de morto, da súa semente agromaron outros tantos activistas da lingua e da patria galegas que se encargaron de resucitar esta terra na emigración. Este 25 de Xullo, coma tantos outros, tamén toca lembrar. Botar a ollada ao pasado para celebrar as conquistas feitas e ser conscientes do moito que fica por conquistar. Para ir de paseo pola memoria collémonos da man de Avelino Pousa Antelo e de Xosé Neira Vilas, porque ningún oíu falar da nosa historia, senón que a viviron. Perderse con eles é imposible.

Pousa Antelo (Barcala, A Baña, 1914) é, case, case, o último mohicano. A proclamación da República colleuno estudando sexto curso no seminario en Santiago de Compostela e púxoo contra as cordas da vocación. ''Cando meu irmán o deixou, meu pai tamén quixo que o deixase eu. Mais daquela pensaba que tiña vocación. Rezaba todos os días. Catro anos despois vin a vida doutro xeito''. E viuna nun acto de Promoción Gallega celebrado no Teatro Principal, con Castelao como voz en off: ''Por el fíxenme galeguista de por vida''. Ingresou no Partido Galeguista, tomou parte activa na campaña a prol do Estatuto do 36, xogoulla ao franquismo mantendo vivo o galego na escola rural na que era mestre e o seu é un dos nomes máis destacados do cooperativismo agrario. Morto Franco, sumouse ás iniciativas para resucitar o vello PG, do que rematou sendo presidente. Pasada a fronteira dos 96, goza dunha memoria envexable que o mantén fiel aos mesmos ideais aos que entregou os anos mozos.

''O día da patria empezou no ano 20 cando ás Irmandades da Fala se lles ocorreu esta feliz idea. Normalmente facíase unha especie de marcha, de peregrinaxe, que partía do Concello ata a estatua de Rosalía. Hai unha foto preciosa de Castelao falando alí'', conta Pousa Antelo, quen nos recibe na biblioteca da súa casa. Catorce anos despois, contando el con vinte e altofalante en man, uniuse a un grupo das Mocidades Galeguistas que facían campaña na Alameda para animar aos viandantes a que se unisen. ''Foi a nosa axuda. O resto dos anos sumábame á procesión, escoitaba o discurso… e aplaudía!'', lembra entre risas este home de carácter falangueiro que recoñece sen pelos na lingua que non valería para político dos de hoxe.

''Noooon, non serviría! Daquela había un espírito e unha entrega modélica que hoxe non se ve. A nosa vida enteira era aquelo. Soñabamos que tiñamos o porvir desta terra nas nosas mans e que iamos cambiar a Galicia atrasada e dominada por unha Galicia libre''. E nese afán, calquera gran era bo para ir facendo morea. Súa foi a idea de ir polas feiras para vender os libros que Ánxel Casal editaba en galego ''e que daquela eran unha ruína''. A tirada era duns 300 ou 500, pero suscriptores había só 130 e o resto custaba moito vendelos. ''Dábannos para un bocadillo e para pagar o coche, e volviamos entusiasmados porque lograramos vender dúas ducias e pico de libros, que naquel tempo era un auténtico milagre''.

Neira Vilas na emigración
Un milagre foi tamén o que se atopou Neira Vilas ao chegar a Buenos Aires, con 21 anos, en 1949. El sempre dixo que non soubera de Galicia, nin da súa cultura, nin da súa historia até que se viu emigrante. O país que aquí coñeceu foi ''o da ignorancia'', o mesmo que se lles presentou aos universitarios de Compostela ''porque lles ocultaban deliberadamente que houbera un Estatuto de Autonomía, que houbera unha República, que Galicia tiña uns dereitos e unha identidade nacional. O réxime que aquí se padecía exercía un nacionalismo español constante''. Tanto é así que o escritor tivo que ir parar á capital arxentina para descubrir por si mesmo que o 25 de Xullo era moito máis que o Día do Apóstolo.

Aínda así, traballar desde a emigración na década dos 50 daba máis froitos ca facelo desde aquí. ''Alí non había fascistas, todos eramos republicanos. O mozo Neira Vilas non pronunciaba discursos mais, de telo feito, non se vería interrompido ''por un facha'' ao berro de ‘¡Viva España!’, como lle pasou a Pousa Antelo en Muros. Ao lembrar ese episodio, aínda hoxe, ao histórico galeguista pódelle a xenreira e imaxínase falando subido nun alto: ''Se esa España é a do progreso, a democracia, a liberdade, unha España distinta, eu son o primeiro en berralo! Pero que se esa España é a podre, a da lenda negra por séculos, a da Inquisición, a de todos os matóns de todos os tempos, entón eu berro ‘Morra España!’''. Foi a súa resposta, quitada da experiencia mamada nos mitins que Suárez Picallo daba no nome do Partido Galeguista, onde eran frecuentes berros semellantes. ''Ai! Case me sacan a ombreiros!'', apunta un orgulloso Avelino.

Mentres Galicia ía perdendo os seus riscos de identidade, alén mar celebrábanse datas coma o aniversario da morte de Castelao, da decapitación de Pardo de Cela ou do fusilamento de Alexandre Bóveda. ''O embaixador do réxime franquista entraba só nunha casa, a Casa de Galicia, que tiña moi pouco peso aínda que ten este nome'', explica Neira Vilas. E é que nin sequera os grandes medios de dereitas, coma La Nación, se declararon nunca franquistas. ''Bos Aires era a capital cultural e patriótica''. Alí facíase teatro, había radios con programación semanal en galego e chegou a haber até 65 bandas de música que reproducían os nomes das de aquí. ''A actividade era moito maior da que houbo aquí durante a República'', conta, orgulloso, quen lle puxo letra ás ‘Memorias dun neno labrego’.

Dificultades para educarse en galego
O eido educativo é outro dos eidos nos que os emigrantes o tiveron máis doado. Pousa Antelo sábeo ben. Nos anos nos que o galego estaba terminantemente prohibido entre as catro paredes dunha escola, el era mestre. Buscando até debaixo das pedras deu cunha editorial catalana que publicara un libro titulado Anaquiños. Lecturas escolares galegas, de Antón Novoa. ''Tiña poemas de Rosalía, e un conto ou dous en galego aínda sendo en castelán, polo que o libro de lectura da miña escola foi ese''. Mais a rebeldía a prol da lingua non ficou aí, senón que lle lía os textos aos seus alumnos en galego, traducindo do español que aparecía nos libros. ''Os rapaces agrandaban os ollos! Non o vían posible!'', recorda, para apuntar a continuación que ''os que peor lían, os que máis faltaban eran despois os primeiros. ‘Están a falar a súa lingua, vedes?’ Dicíalles eu''.

Mentres, alén mar, Neira Vilas recibía clase en lingua galega de Economía de Galicia, Xeografía de Galicia, Arte de Galicia ou Literatura de Galicia, con mestres coma Rafael Dieste ou Alberte Vilanova. A outra cara dunha ditadura que erradicou das rúas a lingua propia do país. ''Nos cincuenta era moi frecuente en Bos Aires oír falar en galego, moito máis do que pode selo hoxe nunha cidade coma Ourense'' e, ademais, podíase empregar este idioma nos taxis ou nos comercios ''porque o 99% destes traballadores eran galegos''.

Reflexionando sobre o que viviron, os dous coidan que pagou a pena. ''Se empezase hoxe faría o mesmo que fixen'', di Pousa Antelo, aínda que recoñece que o activismo político lle trouxo máis desgustos ca satisfaccións. El sabe que aínda queda moito por facer e, sen deixar de falar do eido educativo, critica duramente o decreto do plurilingüismo que permitirá que en Galicia se estuden, por exemplo, as Matemáticas en inglés, mais non en galego. ''Estes [en referencia ao Partido Popular] aliáronse coa damisela esa, a de Galicia Bilingüe, e iso xa me puxo a min enfronte. Eu mandaríaa ao Congo, coño! É unha vergoña que aquí se consinta que alguén veña deturpar o que se veu conseguindo! Igual Roma non paga traidores, pero Galicia deu traidores! Si, si, si! Xente que non é consciente da súa propia dignidade!'', di, incomodado.

De todo iso que se veu conseguindo, Neira Vilas atribúelle á emigración boa parte dos méritos. ''Sen o que se fixo aló, careceriamos de moitas cousas hoxe'', conclúe. O escritor, que estivo lonxe do seu Gres natal desde 1949 ata 1961, asegura convencido que fóra vivíu ''a Galicia ideal'', e congratúlase orgulloso de que en todo ese tempo ''non escribín nin unha soa liña que non fose en galego''.

Comentarios