A débeda da Xunta: Dous erros interpretativos habituais

Todos os anos repítese a confusión sobre o endebedamento da Xunta no proxecto de orzamentos. É unha confusión comprensible, porque a realidade non deixa de ser contraituitiva e diferente da que vive unha familia ou unha empresa que piden un crédito.

O primeiro a sinalar é que o endebedamento relevante non é o bruto, senón o neto. É dicir, o que lle importa realmente aos cidadáns é canto aumenta a débeda, non o importe do crédito que se pide. Isto non deberá ser difícil de entender. É como cando se vai pedir un préstamo a un banco. Non é igual que sexa unha subrogación dun crédito vivo con outra entidade a que se trate dun novo crédito para mercar un coche. No primeiro caso non hai maior débeda. Por iso o que importa é a diferenza entre a nova débeda que contrata a Xunta e a que amortiza. Coller só o primeiro é como computar as subrogacións dun préstamo dunha familia como débeda engadida.

O segundo a salientar é que a carga da débeda pública para os cidadáns vén dada polos xuros que se pagan por ela. Non hai que incluir as amortizacións. Isto si é contraintuitivo. Para unha familia, as dúas cousas son relevantes. O que importa é o que o banco carga todos os meses na conta: xuros e a correspondente amortización do capital. No sector público non é así, por moito que no propio documento orzamentario se fale delo como servizo da débeda. E non é así porque o sector público non devolve as súas débedas. Por suposto, devólvelle, cando toca, a Xan, Brais ou Iria os cartos que lle prestaron no seu día cando mercaron letras ou bonos do tesouro. Pero faino cos cartos que lle achegan na nova emisión de letras Anxo, Antía ou Noa. Porque o sector público ten una esperanza de vida ilimitada e o único do que se ten que preocupar é de que o cociente entre a débeda viva e a renda nacional, o PIB, se manteña en niveis razoables. Con iso chega. E isto é unha enorme vantaxe.

Por exemplo, a débeda española caeu de case o 70% ata pouco máis do 30% do PIB entre finais dos anos noventa e o inicio da crise. E acadouno non porque non seguise endebedándose (de feito houbo superávit só nun par de anos da serie), senón porque o PIB aumentou moito. En definitiva, sumar os xuros e a amortizacións de débeda non ten sentido cando falamos da carga da débeda. O custe da débeda da Xunta para os seus cidadáns é o que aparece no capítulo III de gasto, os xuros.

Comentarios