Decretos e decrépitos

Nun país como este no que se le menos do xusto e no que se lembra menos do que aconteceu antes de onte, a clase (ou algo así) política pode permitirse o luxo de ter un rostro de cemento armado á hora de abrir a boca e ceibar mamonadas que se responderían doadamente só con botar man das hemerotecas. É o caso do de facto presidente da Xunta, Núñez Feijoo, quen se puxo a exercer aínda máis rápido có propio Obama reuníndose cos uns e cos outros.

Como saben, segue dalle que dalle co tema de derrogar o famoso decreto sobre normalización lingüística no ensino; ese decreto que calquera non amnésico lembrará que foi a aplicación estrita dese Plano de Normalización aprobado no seu día unanimemente polo Parlamento de Galiza cando aínda gobernaba este país Manuel Fraga Iribarne co propio Núñez Feijoo como membro de dito Goberno. Daquela, como mínimo, a orixe do “problema” estivo no anterior goberno do PP, e pretender botar as culpas ao recentemente defenestrado bipartito é iso: ter unha cara dura como de aquí á Polinesia.

A dereita deste país sabe que unha das avantaxes de contar con boa parte diso que se chama “franquismo sociolóxico”, é que este constitúe unha masa acrítica que o único que agarda son instrucións daqueles que deben de mandar por lei natural, sen pasalas nin por asomo pola peneira da análise ou do razoamento máis elementais.

Daquela, a dereita constrúe a historia desde onde lle convén, e se hai un decreto que “impón” o galego, a culpa é por suposto do bipartito. Porque a historia deste país comeza no bipartito, abofé. Antes non houbo nada de nada. E a obriga dos demais e crelo, calar e tragar. Por iso a dereita autóctona sempre se bota a tremer cando se menciona a palabra “memoria”. Calquera delas.

Porque vexamos: en que se diferencia esta Galicia Bilingüe viguesa daquela tristemente célebre AGLI coruñesa dos anos 80-90? Pois no que se refire a reivindicacións, en nada de nada. Se é xusto ou inxusto o que pide unha, é tan xusto ou inxusto como o que pedía a outra. Pero a resposta desde o PP foi radicalmente distinta, miren por onde. Á AGLI, nin auga, e a GB, o que faga falla. Claro, coa AGLI gobernaba na Xunta AP primeiro e PP despois.

Con Galicia Bilingüe, o PP estaba na oposición. A AGLI non tiña máis apoio mediático e político ca Paco Vázquez e o panfleto coruñesista que seguía empregando “La Coruña” cando xa nin os medios de Madrid usaban o deturpado topónimo. Galicia Bilingüe, pola contra, naceu coa protección e o apoio de fortes grupos mediáticos da vila e corte capaces de arrastrar uns cantos –menos dos que quixesen- feixes de votos. E aquí é onde o señor Feijoo bota a cana a ver canto pode apañar, mesmo que sexa a conta de protagonizar un dos episodios de desvergoña política e autocontradición máis esperpénticos da curta andaina autonómica.

E agora, cos votos e o poder no peto, comezan as vacilacións e os “onde dixen digo”. Só sabe que vai derrogar o decreto. Pero aínda non sabe que vai facer en troques. Primeiro di que só vai deixar elixir lingua nas materias troncais. Logo, que fará unha enquisa entre pais e nais, e de aí decidirá. Engade despois que non haberá separacións en aulas por mor do idioma. E este home, coas ideas tan clariñas, seica é o que nos vai sacar da crise!

Saben que é o máis grotesco de todo isto? Pois que o famoso decreto, de feito, xa estaba derrogado desde o mesmo día da súa aprobación. Veu engadirse á longa lista de lexislación sobre normalización lingüística sistematicamente incumprida pola inoperancia de aqueles que debían velar polo seu cumprimento, PP primeiro e PSOE despois. Daquela, e sendo pragmáticos, ao final tanto dará se o decreto é o de antes ou un novo. Sexa o que sexa, será papel mollado. Porque nun país serio, os decretos están para cumprirse, os do galego incluídos. Pero nun país de políticos decrépitos de mentalidade, son un derramo inútil de tinta. E de dietas.

Comentarios