Defende O Pituco denuncia un verquido contaminante no monte de San Xulián

MARÍN. A Plataforma Defendo O Pituco denunciou onte na súa páxina web «unha nova agresión gravísima, imperdoable e punible», ao detectar un verquido que pode acabar nun dado medioambiental moi serio. Trátase dun verquido aparecido nunha pista do monte Pornedo, preto dunha área recreativa.

«Alguén irresponsable e desaprensivo volcou un contedor repleto de residuos do que parece ser a limpeza dunha caldeira. Unha sustancia graxenta e altamente contaminante que, como entre en contacto coa auga e se dilúa, vai provocar un serio problema medioambiental», indica a plataforma.

Na mesma liña, sinala que «só agardamos que se poida investigar a orixe deste verquido e que se castigue seriamente ao autor ou autores deste atentado contra a natureza, contra a calidade das augas das que nos fornecemos para consumo doméstico ou para regar as nosas fincas, contra a decencia e maila dignidade humana».

Asimesmo, agardan que os axentes da Policía Local de Marín que levantaron atestado «deste feito tan reprobable» lle dean curso á maior brevidade posible para que «o Concello actúe coa maior celeridade na retirada deste material, da gabarra de plástico que o contiña, dos ferros que a suxeitaban e do palé de madeira no que foi transportado».

O colectivo aproveita para reclamar unha maior vixiancia do Seprona na zona para impedir os verquidos incontrolados, e ás concellerías de Medio Ambiente e Parroquias do Concello para que leven a cabo canto antes un zafarrancho de limpeza para eliminar os focos de contaminación existentes no lugar.

Comentarios