martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Democracia e mercado

Enterarse cada día de como vai o país converteuse nun exercicio de  absoluto masoquismo. Os datos e cifras que aparecen acotío nos medios de comunicación  sobre diversas cuestións son frustrantes e deprimentes. O que máis e o que menos, se  non o tiña claro, xa vai sendo consciente do incerto futuro que se apresenta para a maioría social e da baixa cualidade da democracia que nos tocou, en proceso de regresión xeralizada, por mor do imperio crecente dos negocios ocupando toda a realidade. Nunca se evidenciou tanto a nivel mundial como estatal a omnipotencia das oligarquías económicas, que cun avance irrefreábel enchen calquera espazo público para a súa actividade lucrativa. Nesta ofensiva de deconstrución plena do Estado de benestar, propia dun Atila avaricioso e destrutor, gozan da axuda inestimábel dos intermediarios da partitocracia bipartidista, do ámbito mediático e a un nivel inimaxinábel da burocracia agradecida dos dous grandes sindicatos estatais.

O presente xa está sendo moi duro para moitos cidadáns, convertidos sen teren culpa de nada en pobres ou clase baixa. Mais tamén, quen conserve o emprego sufrirá a precariedade, a redución drástica do seu nivel de vida e unha xubilación tardía. E a mocidade actual, que xa non chegará a disfrutar das mesmas condicións que houbo no pasado próximo, seguirá, só que máis preparada que nunca, o sempiterno camiño galego da emigración.

Se na antigüidade clásica se entendía a política como a arte e a ciencia destinadas a xestionar a vida pública para facer factíbel o bonum commune dos cidadáns, a súa felicidade e a plenitude como seres humanos, podemos afirmar con rotundidade que tanto na Galiza como no resto do Estado estílase hoxe en día unha concepción antitética. A felicidade social radica noutra galaxia, a moitos anos-luz da nosa. E por iso ninguén desde o púlpito do sistema político-económico vixente ofrece a máis leve esperanza ou ilusión. Pénsase que nesta circunstancia infausta con sobrevivirmos e con aturarmos chega dabondo.

O sistema débese recuperar para, despois de estar cheo, volverse baleirar nos paraísos fiscais, para beneficio de moi poucos. E a denominada clase política, refuxiada nunha cuestionada democracia representativa e partitocrática, loita só entre ela polo reparto do poder e do seu botín correspondente. O seu curtopracismo, ao servizo rechamante dos grande intereses económicos, impídelle ter a máis mínima sensibilidade co pobo e as súas condicións de vida e, polo contrario, con descaro, busca aumentar os seus privilexios. Como se fixo aquí co plus dos altos cargos e se fai agora coa xubilación indecente dos deputados do Parlamento español. Semella que tamén participan da moda neoliberal empresarial de arramplar con todo, de facer fortuna, apropiándose e privatizando a rex publica.

Xa non é que non haxa traballo, que se destrúa o Estado de benestar, que se careza de obxectivos ou se dificulte alcanzar unha democracia verdadeira para pobos e cidadáns, senón que esas lamentábeis e repetidas actuacións, propias de mercaderes, socavan a credibilidade e a ética política, facendo que aumente a indignación cidadá e o clamor pola rexeneración e  por unha democracia menos representativa e si máis participativa.

Democracia e mercado
Comentarios
ç