viernes. 17.09.2021 |
El tiempo
viernes. 17.09.2021
El tiempo

Democracia sen república?

Só a partir dos cambios producidos pola Revolución Francesa moitos pobos do mundo reflexionaron sobre a grande inxustiza que supuña a súa marxinación do poder político. Agromou así o ideal democrático moderno, no que o goberno e as leis deberían xurdir do pobo mesmo e estaren controlados por el. A soberanía ou autoridade suprema do estado non podía residir nunha persoa ou grupo privilexiado, senón no conxunto da sociedade. Aparecía desta maneira a nova categoría do cidadán, que desterraba á antiga do súbdito.

Alcanzar unha democracia plena vén constituíndo un ambicioso soño e unha constante tarefa para calquera sociedade madura. A democracia é unha bela utopía social que hai que manter e facer avanzar día a día. Nuns estados máis que noutros callou o ideal democrático. Na actualidade a maioría dos estados do mundo contan por diversos motivos cunha democracia imperfecta. Un dos principais vén sendo polo mantemento da forma monárquica na xefatura do estado.

Non se pode considerar á monarquía como outro modelo, alén do republicano, de representación popular. Outra cousa ben distinta é que os reis do presente non exerzan un auténtico poder e que, no chanzo inferior, os primeiros ministros e os seus gobernos si procedan e se formen a partir dos principios de representación democrática.

No mundo contemporáneo a forma monárquica do estado resulta algo extemporáneo, un vestixio do pasado medieval. O filósofo holandés de posibel orixe galega Spinoza xa dicía no século XVII que se todos somos iguais en canto a que formamos parte da substancia única –Deus sive natura-, na democracia todos tamén deberíamos ser iguais.

Calquera demócrata cabal tería que ser republicano, pois só o sistema republicano se constitúe na súa totalidade a partir da representación democrática. E nunha democracia auténtica só hai cidadanía, porque non se distingue entre realeza e plebe. Non se entenden na sociedade actual privilexios como o da inviolabilidade, o de non estar suxeito a ningún tipo de responsabilidades polos actos que se realicen, o de reverencia –pegada de carácter sagrado dos reis do pasado-, o de suntuosidade e o do boato cerimonial.

Democracia significa tamén igualdade de oportunidades e a posibilidade de acceso á máis alta maxistratura estatal do fillo da máis humilde das familias da nación, sempre que conte coa necesaria preparación, cos méritos e capacidades suficientes, e co voto decisivo popular.

Se se repasa o programa do antigo Partido Galeguista poderase ver que se declaraba partidario incondicional do sistema político republicano, mais de acordo coa tradición galeguista. O réxime republicano era considerado polos nacionalistas daquela como ''garantía das nosas liberdades e da democracia'', e como ''garantía de atinguir a liberdade do noso pobo.''

Malia todas as incomprensións e deficiencias que puido haber por parte dalgúns políticos republicanos con visións do Estado de carácter centralista, ao se abordar a cuestión nacional galega, coa II República comezáronse a dar os primeiros pasos no autogoberno de Galiza.

Non é razoábel, pois, que desde algúns ámbitos do nacionalismo galego se cuestionase a efeméride do 14 de abril. Sería negarmos a historia non vermos a relación estreita que houbo sempre, e que ten que continuar habendo, entre nacionalismo e republicanismo.

Co gallo do aniversario daquel primaveral 14 de abril de 1931 convén lembrar a vixencia do republicanismo e manifestar que, sexa república galega, española ou universal, só a forma republicana garante unha coherencia democrática plena no ámbito da representación da vontade popular.

Democracia sen república?
Comentarios
ç