A Deputación busca que a reforma de Rebón se estenda ao resto da provincia

Mobilidade insiste en que o novo proxecto nace como exemplo de que se debe facer no tratamento dunha travesía seguindo criterios de sustentabilidade e mellorando a seguridade

Mellorar a seguranza viaria e garantir unha mobilidade sostible son os obxectivos da reforma integral que a Deputación propón na estrada de Rebón (EP-0503) e que prevé estender ó resto de viais da provincia.

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, presentou recentemente unha proposta que inclúe plataformas elevadas nas interseccións, redutores físicos de velocidade, pavimentos diferenciados e zonas 30, así como tratamentos singulares en espazos como o acceso á igrexa, a parada do bus ou a zona do lavadoiro. Así mesmo, renovaranse totalmente as canalizacións de augas pluviais para resolver a problemática actual de asolagamentos.

Benítez presentou á alcaldesa de Moraña esta posibilidade -que xa se manifestou en contra-, logo de ter resolto o proxecto da variante de Rebón o pasado mes de xullo por ser unha obra "claramente ilegal", carecer de informes preceptivos ou ser insalvables, supoñer "afeccións gravísimas ao patrimonio" e non estar xustificada tecnicamente nin polo tránsito de vehículos.

O novo proxecto, elaborado por unha asistencia técnica, pretende ser un exemplo de como se debe facer o tratamento dunha travesía seguindo criterios de sustentabilidade: buscando a convivencia entre os tránsitos peonís e rodados e mellorando a seguranza viaria a través da redución da velocidade. De feito, a actuación está deseñada para calmar o tráfico a través de diferentes elementos tales como a instalación de zonas 30 (con sinalización horizontal e vertical), a construción de plataformas elevadas nos cruces e tamén de redutores físicos de velocidade. Así mesmo, haberá pavimentos diferenciados nas zonas de convivencia onde os largos non permitan espazos diferenciados para peóns e vehículos, ao igual que se colorearán os itinerarios peonís para que os condutores non invadan o espazo.

A intención do proxecto é aumentar a calidade de vida dos veciños, polo que se mellorará tamén o tratamento do espazo público en zonas singulares. Así, buscaranse pavimentos pétreos para a zona de acceso á igrexa e melloraranse substancialmente as áreas do lavadoiro e a parada do autobús coa intención de poñelas en valor.

TUBAXES. A proposta da Deputación recolle tamén unha renovación total das canalizacións de pluviais, que neste momento están en moi mal estado xa que se producen continuos asolagamentos e bolsas de auga. O proxecto recolle a substitución de todos os colectores e tubaxes, así como dos sumidoiros existentes. Esta parte do proxecto, que é unha das que levan boa parte do gasto, permitirá eliminar os importantes problemas de seguranza viaria que se presentan nos días de chuvia.

Outras das melloras previstas é a substitución das luminarias, que suporán unha maior eficiencia enerxética, xa que as lámpadas serán de leds. "Isto reducirá a contaminación lumínica e ademais suporá un menor consumo para o Concello", explicou Benítez.

O proxecto da variante para o núcleo de Rebón anulado no mes de xullo tiña graves irregularidades de tramitación. A Deputación lembra que carecía do informe pertinente de Augas de Galicia, de avaliación ambiental e tampouco dispoñía de informe de Patrimonio, a pesares de pasar pola fronte dunha igrexa románica do século XII. Ante esta situación, solicitárase informe ao arqueólogo provincial, que concluíu que as obras afectaban "de forma inaceptable ao patrimonio cultural de Galicia". Segundo asegurou o responsable de Infraestruturas, os criterios para a construción da variante de Rebón non se axustan ás necesidades técnicas. "Non compartimos que se fagan variantes para núcleos de poucas casas. Non se xustificaba facer as obras pola eficiencia dos recursos públicos e menos tendo unha intensidade media de vehículos que está por baixo dos 500 coches ao día", subliñou o deputado.

Comentarios