miércoles. 28.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 28.10.2020
El tiempo

A Deputación convoca un novo Plan de Práctica Laboral con 162 bolsas en 59 concellos

O programa, destinado a titulados universitarios e de FP, tamén incluirá outras 38 prazas de bolseiros para a institución provincial

A Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha unha nova edición do Plan de Práctica Laboral, co que fichará a 200 bolseiros que se repartirán entre a propia institución provincial e os concellos de menos de 50.000 habitantes.

Eses 59 municipios serán os principais destinatarios do programa, pois terán a opción de fichar a 162 bolseiros durante un período de seis meses, prorrogables por outros seis. As persoas elixidas serán titulados universitarios e de Formación Profesional sen experiencia previa no seu ámbito académico e, de acordo coas condicións do programa, recibirán unha remuneración mensual de entre 700 euros (para os que teñan feito FP) e 800 euros (para os que rematasen os seus estudos na universidade).

Os concellos que queiran solicitar estas bolsas terán un período de presentación de solicitudes que se prolongará dende o 1 ata o 9 de febreiro. Deberán realizar unha preinscrición a través da páxina web www.depo.gal e presentar o xustificante electrónico, xunto coa documentación requirida, no Rexistro Xeral da Deputación e nas demais canles contempladas na lexislación.

As bolsas serán de seis meses, prorrogables ata un ano. Os municipios que desexen participar deben solicitalo entre o 1 e o 9 de febreiro

A distribución das bolsas por concellos efectuarase segundo o seu número de habitantes, de xeito que os 23 municipios de ata 5.000 veciños e os 14 de entre 5.001 e 10.000 empadroados disporán de dúas bolsas cada un. Do mesmo xeito, os oito concellos de entre 10.001 e 15.000 cidadáns e os 14 de entre 15.001 e 50.000 terán á súa disposición catro prazas para cada un.

Ademais desas 162, o Plan inclúe outras 38 prazas para bolseiros que se repartirán entre os servizos da propia Deputación.

Segundo explicou o Goberno provincial, "con este programa de promoción do emprego búscase que os mozos teñan maiores facilidades para atopar o seu primeiro traballo, promovendo que poidan completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa incorporación ao mercado laboral".

FINANCIAMENTO. Ao igual que na edición do ano pasado, a institución provincial non só asume os labores de distribución, asignación, selección e adxudicación das bolsas, senón que tamén se fai cargo do financiamento total do plan.

Pola súa banda, os concellos serán os encargados de desenvolver un proxecto ou programa formativo que lles permitirá aos bolseiros adquirir competencias que melloren a súa empregabilidade. Ademais, as administracións municipais tamén asumen determinadas obrigas, como a de facerse cargo da xestión, coordinación e seguemento das prácticas, designar a unha persoa titora, controlar o cumprimento do horario, garantir unha protección eficaz en seguridade e saúde, subscribir un seguro de responsabilidade civil complementario ao da institución provincial ou conceder dous días hábiles ao mes de descanso, entre outros.


A Deputación convoca un novo Plan de Práctica Laboral con 162...
Comentarios