A Deputación edita un catálogo de rutas para rutas de moto pola provincia de Pontevedra

A xornalista e blogueira Alicia Sornosa, primeira muller moteira de fala hispana en dar a volta ao mundo, exporaas nunha guía online
Alicia Sornosa e Santos Héctor, este mércores, durante a rolda de prensa
photo_camera Alicia Sornosa e Santos Héctor, este mércores, durante a rolda de prensa

Os afeccionados ás dúas rodas xa non teñen excusa para ter que buscar horizontes máis alá da provincia de Pontevedra e, ademais, este territorio será tamén un foco de atracción para os moteiros doutras comunidades.

A Deputación vén de presentar un catálogo que permitirá descubrir as Rías Baixas a través de rutas en moto. A guía repartirase nas oficinas de turismo da institución provincial e tamén entre os clubs de motoristas de todo o Estado. Tamén estará dispoñible na páxina web www.turismoriasbaixas.com.

O nome desta iniciativa, que foi presentada onte polo deputado de Turismo, Santos Héctor, é Apaixonante. Rutas en moto, sinte Rías Baixas e propón catro alternativas distribuídas ao longo de toda a provincia para gozar da beleza natural e da cultura milenaria de Pontevedra.

A primeira é a Ruta Costa longa e transcorre entre A Guarda e Catoira. Deste xeito, sinalou Héctor, os motoristas coñecerán "os muíños do Folón e do Picón, as Pozas de Mougás, os concellos de Baiona, Vigo, Redondela, Pontevedra e Sanxenxo, a praia da Lanzada, O Grove, a Illa da Toxa, Cambados, A Illa de Arousa e Vilagarcía", ademais dos concellos de inicio e de chegada.

A segunda, denominada Ruta Costa curta, une Baiona e Pontevedra. Dentro do seu trazado, os apaixonados das motos poderanse deter nas praias de Panxón, Patos e Prado, ademais de nos concellos de Vigo, Moaña e Cangas, onde poderán visitar Cabo Home e mailo núcleo de Aldán, así como as vilas de Bueu e Marín.

A terceira proposta chámase Ruta Interior-Costa e comeza na Cañiza para chegar á Guarda, pasando por Arbo, Salvaterra, Tui e a parroquia de Goián, en Tomiño.

A guía, a primeira que se realiza sobre Pontevedra, inclúe catro propostas para gozar da beleza natural e do patrimonio das Rías Baixas

A cuarta, co nome de Ruta Interior, transcorre entre Silleda e Combarro, visitando o Mosteiro de Carboeiro, a fervenza do río Toxa, Lalín, Forcarei e Pontevedra ata rematar no conxunto histórico do municipio poiense.

No folleto inclúense os mapas de cada unha, con información turística detallada de todas as localidades polas que pasan, así como algunhas propostas de "actividades que se poden facer detendo unhas horas a motocicleta, como visitar as Illas Cíes, escapar ata Cabo Udra, bañarse na praia fluvial de Goián ou percorrer a senda do río Lérez, na capital pontevedresa", precisou o deputado. A maiores, a guía tamén facilita unha serie de consellos para facer viaxes longas en moto, que indican cuestións que se deben ter en conta antes de saír e tamén durante a viaxe.

Para a presentación deste catálogo, a Deputación contou coa presenza da xornalista, blogueira e influencer motorista Alicia Sornosa, "que xa pasou á historia por ser a primeira muller de fala hispana en dar a volta ao mundo en moto e que relata as súas experiencias na súa páxina web e nos seus perfís nas redes sociais, nas que conta con arredor 33.000 seguidores en Facebook e preto de 7.000 en YouTube, ademais de colaborar na guía Repsol", lembrou Héctor.

Sornosa está a percorrer estes días a provincia de Pontevedra neste medio de transporte co obxectivo de "dar a coñecer o interesantes que son as Rías Baixas para visitalas sobre dúas rodas". Desde que chegou, o pasado luns, está documentando con fotografías e vídeos as catro rutas propostas pola Deputación para plasmalas tanto no seu blog e nas redes como nunha guía online.

Este mércores, a moteira felicitou á institución pola súa idea e sinalou que "se debe facilitar o turismo en motocicleta para facer que medre, pero tamén facilitarnos como ir, que é o máis complicado", dixo.

A xornalista asegurou que "a guía permitirá coñecer aínda máis a provincia" e que ela lla vai recomendar "a todos os apaixonados da moto", ademais de sinalar que "en Pontevedra hai moitos afeccionados, que son xente coa que dá gusto coincidir nas estradas, xa que che bota unha man e recoméndache lugares especiais".

Comentarios