A Deputación potencia a urbanización da avenida Luis Rocafort de Sanxenxo con novas melloras

O organismo provincial achegará máis dun millón de euros para mellorar o proxecto e estima que as obras comezarán no outono
Uxío Benítez (esquerda) e Gonzalo Pita, este martes
photo_camera Uxío Benítez (esquerda) e Gonzalo Pita, este martes

A Deputación de Pontevedra dobra a súa aposta por humanizar a avenida Luis Rocafort. O responsable provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, confirmou este martes que o máximo organismo pontevedrés está disposto a mellorar o proxecto, que volverá a ser licitado, e que incluirá a renovación do saneamento, que non estaba contemplada no traballo contratado pola anterior Corporación provincial, ademais doutras melloras.

Benítez sinalou que se financiará o sobrecuste derivado das actuacións a maiores. Deste xeito, o orzamento pasará a ser de 1,65 millóns de euros. A Deputación asumirá o 70% desta cantidade (1,15 millóns). "Temos uns novos criterios de priorización da mobilidade, e a actuación de Luis Rocafort é de demasiada relevancia como para deixala pasar como estaba. Estudamos o proxecto existente e tiramos a conclusión de que non cumpría a normativa vixente e non tiña a calidade que merecía para unha zona urbana", subliñou o deputado.

As novas beirarrúas terán largos de entre 2,5 e seis metros, limitarase a velocidade a 30 quilómetros hora, instalaranse máis de 60 luminarias para garantir a seguranza viaria (no proxecto inicial prevíanse 14), construiranse cinco pasos de peóns sobreelevados e outras cinco plataformas elevadas nas interseccións, colocaranse estacionamentos de bicicletas e motocicletas, así como novo mobiliario urbano e máis de medio cento de palmeiras, entre outras melloras. Logo de estudar todas as posibilidades burocráticas para afrontar o gasto, a Deputación decidiu resolver o contrato coa adxudicataria actual (Dragados), coa que se chegou a un acordo amigable que permitirá non ter que abonar ningún tipo de compensación económica.

PRAZOS. Nos vindeiros días iniciarase o procedemento de contratación do novo proxecto ampliado, incorporando os documentos oficiais das cesións dos veciños acadadas polo Concello, as melloras na urbanización e a ampliación da área de actuación. Deste xeito, está previsto que as obras se inicien despois do verán, cando a dinamización económica da zona desaconsella calquera intervención polas súas molestias a veciños e visitantes. Prevese que os traballos estean finalizados antes da tempada estival de 2017.

O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, valorou positivamente o novo proxecto. "Vai haber un antes e un despois da execución desta obra, polo que estamos orgullosos e moi agradecidos á nova Corporación da Deputación por tomar medidas e modificar o proxecto sen custar un euro máis ao Concello", sinalou.

Comentarios