Lunes. 12.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 12.11.2018
El tiempo

A Deputación de Pontevedra publicará só libros en lingua galega a partir do ano 2016

Xosé Leal, Anxos Riveiro, Marilar Aleixandre e Yolanda Castaño (de esquerda a dereita)
Xosé Leal, Anxos Riveiro, Marilar Aleixandre e Yolanda Castaño (de esquerda a dereita)
"Os organismos públicos estamos para chegar onde non chegan os selos comerciais", indica Xosé Leal, que baralla a posibilidade de lanzar edicións bilingües "en casos específicos"

O Servizo de Publicacións Provincial, dependente da Deputación de Pontevedra, editará só libros en lingua galega a partir de 2016. "O noso compromiso coa normalización lingüística é firme", explicou o deputado de Cultura, Xosé Leal. "Do que se trata é de reforzar a presenza de publicacións en lingua galega no noso catálogo".

O deputado participou este xoves na presentación do IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’, que coordina Yolanda Castaño e ten como sede a Illa de San Simón. O acto serviu tamén para presentar a publicación resultante do encontro do ano pasado, un volume que edita a Deputación e que recolle a tradución ao galego dos textos dos poetas que participan no obradoiro. Neste caso, a coordinadora desa edición foi a autora galega que participou en 2014 en ‘Con barqueira e remador’, Marilar Aleixandre. Aproveitando a comparecencia ante os medios de comunicación, Castaño falou da importancia da edición dun volume como o que resulta deste obradoiro de tradución e sinalou que lle gustaría seguir contando co apoio da Deputación de Pontevedra, "a única de Galicia que conta cunha colección de poesía propia, Illas Cíes", en vindeiras edicións.

COMPROMISO. O deputado non só comprometeu o apoio á publicación de novos volumes de ‘Con barqueira e remador’, senón que tamén aproveitou para avanzar que o compromiso do Servizo de Publicacións co galego aumentaría de cara ao ano que vén. "Os organismos públicos estamos para chegar onde non chegan os selos comerciais», comentou. «Cumpriremos os compromisos previamente adquiridos neste sentido, pero despois iniciarase unha nova etapa marcada pola publicación en lingua galega".

Noutros aspectos, a liña editorial da Deputación seguirá sendo a mesma. "Manteremos aberta a calquera tema, exactamente igual que agora, a nosa editorial, pero pensamos que precisamente por iso, porque todos os asuntos se poden tratar na nosa lingua, o noso deber é axudar a que así sexa". Asemade, o deputado baralla a posibilidade de «realizar edicións bilingües, galego-castelán, ou outras alternativas, «en temas específicos».

A Deputación de Pontevedra publicará só libros en lingua galega a...
Comentarios