A Deputación destina 100.000 euros a impulsar a mobilidade universitaria

A institución asinará un convenio coa UVigo e o vindeiro curso outorgará 100 bolsas de 1.000 euros aos participantes nos programas Erasmus+
Carmela Silva con Feijóo
photo_camera Carmela Silva con Feijóo

Impulsar a mobilidade internacional do alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra é o obxectivo principal do convenio de colaboración que asinarán a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo polo que a institución provincial destinará o vindeiro curso académico 100.000 euros a axudas complementarias para o alumnado seleccionado en programas de mobilidade internacional.

Concretamente, o convenio que aprobou onte a Xunta de Goberno da Deputación prevé a concesión de 100 bolsas de 1.000 euros cada unha ao estudantado que participe nos programas Erasmus+ Estudos e Erasmus+ Prácticas no curso 2017-2018, así como a beneficiarios das bolsas propias da institución académica.


O acordo entre ambas institucións supuxo un investimento de 150.000 euros no pasado curso e no actual para estas axudas


En concreto, 80 destas axudas complementarias corresponderanse co programa Erasmus+ Estudos, outras once co Erasmus+ Prácticas e as nove restantes serán destinadas aos bolseiros da convocatoria propia da Universidade, segundo se recolle neste convenio de promoción da mobilidade do estudantado, que dá continuidade ao asinado en decembro de 2015 por estas dúas institucións. A través deste acordo, o ente provincial destinou, nos cursos 2015-2016 e 2016-2017, un total de 150.000 euros a estas axudas complementarias.

INSERCIÓN LABORAL. Trala aprobación do convenio, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, remarcou a importancia dunha iniciativa "que permitirá que o alumnado universitario con menos recursos económicos" que sexa seleccionado nestas convocatorias "poida completar a súa formación en universidades europeas ou ben realizar as súas primeiras prácticas formativas en empresas e institucións doutros países durante o curso 2017-2018", segundo informou o ente provincial nun comunicado.

Nese mesmo senso, Silva salientou que o obxectivo principal desta actuación é facilitar a inserción laboral e mellorar a empregabilidade e a formación dos futuros titulados e tituladas dos campus de Pontevedra e Vigo.

De aí que a presidenta da institución provincial manifestase a súa satisfacción por un convenio que "permite unha maior e mellor formación, adecuada ao mundo global e ao mercado laboral, mellorando as competencias das nosas e nosos estudantes para facer fronte a un mundo máis complexo".

Comentarios