Actividades para potenciar competencias

A Deputación e a Escola de Organización Industrial promoven un viveiro de empresas locais

Entre 16 e 22 proxectos disporán dun espazo de traballo gratuíto durante cinco meses no viveiro de empresas de Barro-Meis ▶ O programa do coworking inclúe asesoramiento e actividades para axudar aos emprendedores a medrar
Vista do viveiro de empresas da Deputación no polígono de Barro-Meis
photo_camera Vista do viveiro de empresas da Deputación no polígono de Barro-Meis

A primeira convocatoria para a solicitude de espazos de coworking no viveiro de empresas de Barro-Meis, promovido pola Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI), finaliza este xoves e está aberta a emprendedores cun proxecto en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente (non máis de 6 meses antes da súa incorporación ao espazo coworking).

A iniciativa conta cun investimento de 800.000 euros e levarase a cabo entre setembro de 2017 e marzo de 2018 


Os beneficiarios, que serán entre 16 e 22 proxectos, disporán dun espazo de traballo gratuíto durante cinco meses (entre setembro de 2017 e marzo de 2018), así como dun programa de asesoría personalizada impartido por persoal experto; este asesoramento busca acompañar aos emprendedores en todo o seu percorrido, desde que crean a súa empresa ata a súa posta no mercado. Tamén participarán nun programa de formación para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos e acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se atopan no mesmo centro e onde contarán con equipamento como impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica e material diverso.

A iniciativa, cun investimento de 800.000 euros, está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, o Ministerio de Economía, Industria y Competitividad e a Deputación de Pontevedra. Os interesados poden cursar as solicitudes na web https://www.eoi.es/es/espacioscoworking/pontevedra.

O obxectivo principal do acordo entre a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial é fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos emprendedores que participen destes espazos de coworking, nun período limitado de tempo, identificando os proxectos con máis potencial de desenvolvemento. Desta forma, a EOI e o organismo provincial buscan que os proxectos participantes poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas.

EOI. A Escola de Organización Industrial fundouse no ano 1955, convertíndose así na primeira escola de negocios de España e unha das primeiras de Europa. Nestes más de 60 anos de historia contribuíu á modernización da economía e a industria española e foi protagonista dalgúns fitos importantes na formación de directivos do país.

A Fundación constitúese coa finalidade xeral de potenciar a formación e a realización e promoción de estudios e investigacións científicas e técnicas, fundamentalmente nos ámbitos da industria, o medio ambiente, a innovación, as novas tecnoloxías, a pequena e mediana empresa, a propiedade industrial, a economía e a prospectiva sobre a evolución da ciencia e a tecnoloxía e o seu impacto e influencia no sector produtivo e na sociedade. O acordo coa Deputación de Pontevedra supón a creación dun lugar de encontro de todos aqueles profesionais, actuais e futuros, cuxa labor se orienta á economía real, á innovación e ao servizo á sociedade, cunha rede de aprendizaxe que colabore na transformación da economía e da sociedade a través do desenvolvemento do talento e o espírito emprendedor.

Comentarios