A Deputación habilitará 90 millóns de euros para axudar os concellos afectados polo lume

Presenta un "plan global" para a recuperación e a prevención e o impulso dun novo modelo forestal

O Goberno provincial anunciou onte a posta en marcha dun «plan global transversal» para recuperar, previr e impulsar un novo modelo forestal para a provincia. A iniciaitva está dotada con preto de 90 millóns de euros, que permitirán que os concellos poidan dar resposta ás consecuencias e ós danos da vaga de lumes, impulsar proxectos de prevención e adoptar un novo modelo forestal adaptado á situación á que se enfronta a provincia debido ao cambio climático.

Así o anunciaron onte a presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, que precisaron que o plan se estruturará «de xeito transversal a través das diferentes áreas da Deputación no marco das súas competencias e respectando a autonomía municipal». Así, precisaron, impulsarase «dende a cooperación e dende a concienciación, a prevención e o cambio de modelo da política forestal na provincia de Pontevedra».

Unhas das accións será que a Deputación vai posibilitar o cambio dos fondos do Plan Concellos 2017 para que os municipios poidan reparar os danos dos incendios acontecidos este mes en materia de infraestruturas e equipamentos municipais, bens, maquinaria e infraestruturas locais de abastecemento de auga.

Xunto a esta modificación, e para non condicionar nin frear as previsións de investimentos das administracións municipais, a Deputación vai impulsar un Plan Concellos bianual 2018-2019, que, segundo subliñou Silva, vai supoñer «unha inxección moi relevante de recursos».

Máis polo miúdo, a través desta iniciativa os concellos poden dispoñer de 12 millóns de euros do Plan de 2017, máis de 40 millóns do Plan 2018 e máis de 30 millóns que se corresponderían co Plan Concellos 2019.

«Solucuións realistas». Mosquera insistiu en que a Deputación «está a reconducir case toda a actividade e os orzamentos da institución provincial para achegar solucións realistas» e engadiu que «esta é a resposta máis potente que puidemos formular. Esgotamos os nosos recursos económicos e de coñecemento ata finais do mandato. É un esforzo para afrontar os danos e tamén para amosar que hai outro camiño para facer as cousas doutra maneira. Non hai solucións máxicas. Si hai solucións realistas e ímolas poñer sobre a mesa con este paquete de medidas que acabamos de anunciar», afirmou.

A institución vai impulsar un Plan Concellos bianual 2018-2019 para non frear as previsións de investimento das admnistracións locais

Do mesmo xeito, Carmela Silva engadiu que «dentro deste apoio aos concellos da provincia estamos moi preocupados pola necesidade de cambiar o modelo da política forestal e iso implica, tamén, a concienciación da cidadanía». Por este motivo, explicou que «nos programas que poñamos en marcha, a partir destes momentos, imos introducir iniciativas educativas de forma transversal para impulsar un maior coñecemento do monte como medio natural, para concienciar á cidadanía sobre como previr ou como debe actuar ante situacións como a vaga de lumes que afectou á provincia en outubro».

Xunto a estas actuacións, tamén se van incorporar máis partidas a través do Plan Revitaliza, novos recursos do Plan de Parques Forestais que faciliten a prevención e o cambio na política forestal, e vaise impulsar un estudo, sobre o que xa se falou coa Universidade de Vigo, elaborado por expertos e técnicos mundiais para plasmar directrices claras sobre como actuar no monte galego. Segundo Mosquera, en dous ou tres meses vaise elaborar ese documento con directrices de como actuar no monte, que servirá de modelo de acción aos concellos e incluso á Xunta.

Comentarios