A Deputación reclama máis recursos para investigar a artrite no seu Día Nacional

O Pazo do ente provincial iluminouse de verde en solidariedade con todas as persoas que padecen algún tipo de doenza deste tipo

O Pazo da Deputación iluminouse de verde este domingo, Día Nacional da Artrite, en solidariedade con todas as persoas que padecen algún tipo de doenza deste tipo (artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil e espondiloartrite).

A presidenta provincial, Carmela Silva, lembrou que "na provincia de Pontevedra detéctanse arredor de 1.000 novos casos desta doenza cada ano e son máis de 7.000 as persoas que a padecen. Ademais, estamos a falar dunha enfermidade que afecta especialmente ás mulleres, que representan arredor dun 70% de todos os casos", dixo.

A nivel galego e estatal, a artrite afecta a 30.000 e 300.000 persoas, respectivamente. A través desta iluminación simbólica, a institución provincial uniuse a unha das iniciativas que se están a desenvolver ao longo de todo o territorio estatal baixo o paraugas da Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) dentro da súa campaña Outubro, mes da artrite e a espondiloartrite e cuxo lema este ano é Contigo imos todas e todos, coa finalidade de informar e concienciar sobre a realidade das persoas que teñen estas doenzas en calquera das súas formas.

Ademais do alumeado de edificios singulares como o Pazo Provincial, tamén se están levando a cabo a XIII Xornada Nacional de Artrite en diversas cidades estatais (no caso da provincia de Pontevedra, en Vigo o día 21) e distintas mesas informativas, máis unha xornada-coloquio ao abeiro desta campaña que a Sociedade Española de Reumatoloxía ten declarado como de interese social.

Neste sentido, Silva avogou por que "as administracións competentes adiquen os recursos suficientes para a investigación e para a atención", polo que reclamou "que se impliquen e que o fagan dunha maneira evidente para que as promesas e os compromisos non queden en papel mollado".

Comentarios