A Deputación reparte 288.600 euros entre A Lama, Nigrán e Rodeiro

No que vai de ano, o Plan Concellos dentro da súa liña 1 leva investidos 17.963.137 euros nos municipios

A Xunta de Goberno da Deputación provincial vén de aprobar catro axudas a tres concellos da provincia (A Lama, Nigrán e Rodeiro), cunha contía total de 288.650,45 euros, ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2016, segundo informou a institución nun comunicado.

No que vai de ano, o Plan Concellos leva investidos 17.963.137,02 euros nos municipios da provincia, o que supón un grao de execución ata o momento do 64,8% en canto a investimentos.

A Lama recibiu 60.389,85 euros para a realización dunha actuación nos muros de sostemento e a pavimentación do camiño das Chozas. Pola súa parte, os 168.260,60 euros achegados ao Concello de Nigrán distribuíronse en 94.365,15 para a humanización do torreiro da vila e outros 73.895,45 destinados a realizar a rehabilitación do parque, da escola e da zona deportiva de Priegue.

ACCESOS E CAMIÑOS. En último lugar, Rodeiro recibiu 60.000 euros cos que a vila mellorará os accesos a varios núcleos municipais, concretamente os de Saa, en Santa María de Pescoso, e Outeiro, en Guillar, e ademais pavimentará os camiños de Suíme-Río e A Torre-Laxas.

Con estas achegas, os graos de execución do Plan Concellos (nas súas catro liñas) sitúanse do seguinte xeito: A Lama o 75,2% (344.644,38 euros), Nigrán 73,6% (697.019,8) e Rodeiro 28,5% (138.585,77 euros).

Comentarios