martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Dereitos e beneficencia

Uns cantos brokers e magnates financeiros internacionais confabularon para obteren enormes ganancias, desestabilizando a economía de Grecia e de Irlanda. Adivíñase que agora é a quenda do Estado español. Pois moi ben, porque o Estado-nación xa non existe máis que para se meter cos cataláns e vascos, substraer recursos aos galegos, subvencionar á Igrexa católica e defender as touradas. Os mesmos Zapatero e Rajoy recoñecen que neste momento están sometidos ao imperio dos mercados. Pois para que queremos daquela ese mastodóntico ente político que non mantén sequera o Estado que realmente a todos e a todas nos interesa, que é o de Benestar? Será só para fornecer a clase política do sistema neoliberal.

Este mundo globalizado e en crise é abofé paradoxal, pois mentres por unha banda aumentan en millóns os desempregados, os pobres e os excluídos, pola outra, a riqueza duns cantos multimillonarios non para de medrar. Axúdase con fondos públicos á banca privada, que obtén cuantiosos beneficios, tamén pola apropiación dos andares hipotecados, mentres se reducen os orzamentos para os servizos públicos, en vías da súa reconversión en lucrativos negocios privados. Están procedendo a dinamitar o pequeno Estado de Benestar co que contabámos perante o silencio e inacción aberrante dos sindicatos estatais, que deben de ser para outra cousa.

Aquí non ficamos curtos. Estamos descubrindo que somos verdadeira vangarda do neoliberalismo, por mor dese político espelido e mediático, nado curiosamente nesa zona enxebre que son os Peares, que é Núñez Feijóo. O pearense pasará á historia, non só por impulsar algunhas das medidas máis perniciosas para a supervivencia da nosa lingua, senón tamén por, traballando cóbado a cóbado cos seus conselleiros e concelleiras de sanidade, educación e traballo, querer liquidar nun breve prazo os débiles servizos sociais, a sanidade e a educación públicas cos que contaba a poboación galega, e que se puideron establecer logo de décadas de reivindicacións e esforzos lexislativos e presupuestarios. Se ninguén o remedia volveremos polo túnel do tempo nun santiamén á situación que había durante a etapa do capitalismo salvaxe decimonónico.

Máis de medio millón de galegos e galegas vense obrigados a vivir con menos de seiscentos euros ao mes. E o 10% deles está nunha situación de pobreza real. Pensionistas, mulleres soas con cargas familiares, homes sen fogar vivindo en humildes pensións, mozos sen emprego e sen perspectivas de conseguilo, son algunhas das circunstancias que se sofren con esta terríbel e prolongada crise. É moi penoso ver como mentres familias enteiras forman colas á porta da Cociña Económica da Coruña, conxélase o RISGA ou hai máis persoas sen teito, seguen as obras da Cidade da Cultura e se gastan tres millóns de euros na visita do Papa.

E como hai que ser moi neoliberal en todo e volver ser dereita primitiva, alén da privatización, dóanse achegas a empresas relixiosas para que sexan elas quen leven os servizos sociais, engrosadas coas caritativas dos cidadáns, confundindo de xeito grave a beneficencia cos dereitos sociais, e mesmo constitucionais, que se poden esixir ás institucións democráticas.

Dereitos e beneficencia
Comentarios
ç