A desfeita do bipartidismo

PP e PSOE tiveron o peor resultado dos últimos 25 anos en Galicia e no Estado. O PP baixa ao 35% na Galicia, perdendo quince pontos a respecto do 50% obtido no 2009 e o PSOE ao 21% fronte ao 35% que tiña hai cinco anos. No Estado o PP perde 8 escanos (de 24 baixa a 16), cun 26% e o PSOE 9 (de 23 a 14). Izquierda Unida e aliados (AGE na Galicia) foi terceira forza política, mentres que Podemos, con 5 escanos constituiu  a sorpresa da xornada, acadando a coarta posición na Galicia e no Estado.

O BNG baixa do 9 ao 8%, mais a súa coalición con EH-Bildu retén un escano, mentres a Coalición por Europa, partillada por CompromisoxGalicia con CiU, PNV e CC, obtivo 3. Porén, o subsistema electoral galego perde identidade, asemellándose ao esquema estatal non só nos grandes partidos, senón ás súas alternativas na esquerda e na dereita. Sen dúbida que o galeguismo ten moito a reflexionar cara as municipais do 2015, onde se xoga unha posición real de alternativa ao bipartidismo que está a se esfarelar.

Nos resultados estatais compre salientar a elevada participación catalá, onde ERC acadou o “sorpasso” a respecto de CiU e onde as eleccións interpretáronse en clave de apoio ao chamado dereito a decidir. Catalunya constituiu a cara a respecto da cruz galega canto ao apoio a forzas nacionais, demostrando que o seu sistema político está totalmente independizado do español, co PP e o PSC a níveis moi minoritarios. Canto a Euskadi gañou o PNV, malia que EH Bildu gañase en Gipuscoa e Álava.

Na Europa salienta o trunfo dos socialistas en Portugal, dos nacionalistas do Scottish National party (SNP) na Escocia (ás portas do referendun de setembro), o da Front Nationale de Marie le Pen na Francia, a da esquerda radical de Syriza na Grecia, a das forzas da grande coalición de goberno alemá e a do eurófobo UKIP (Partido da Independencia) en Inglaterra. Baixa o PP europeo, soben os non adscritos e  euroescépticos da dereita radical, manténdose demócratas e liberais, verdes e socialistas. Juncker será Presidente da Comisión Europea, mais socialdemócratas, liberais e demócratas e verdes e nacionalistas da terán unha importante presenza no Parlamento Europeo. E influirán decisivamente na gobernanza, á vista da corrección á baixa do PP europeo.             

Comentarios