'Desigualdad'

Desiguais

Levamos xa case dez anos de crise económica, o que supón que hai rapaces preto da maioría de idade que non coñecen outro contexto

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

SÓ HAI UNHA cousa mellor que ter padriño —en sentido figurado— e é ter pai. En ocasións literarias os proxenitores non só emprestan medios e coñecementos senón ata nome. Por exemplo o economista John K. Galbraith, deixoulle esa K do medio, tan sonora e particular, ao seu fillo James, que leva anos facendo bo uso dela nese mesmo eido, o da economía. Publica agora Desigualdad en España da man de Deusto, editorial especializada e que opta nesta ocasión por un intelectual de corte máis progresista cando moitas das súas publicacións tenden máis ao liberalismo ou mesmo o movemento neocon.

Levamos xa case que dez anos de crise económica, o que supón que hai rapaces preto da maioría de idade que non coñecen outro contexto. Como xa se dixo en non poucas ocasións, a recesión fixo que a literatura sobre temas económicos acadase unhas cifras de publicación e vendas insólitas. A medida que se vai afastando o comezo do proceso esvaécense os libros sobre causas e consecuencias inmediatas e agroman títulos sobre aspectos máis ben estruturais.

É o caso da desigualdade, tema sempre controvertido xa que ante a evidencia de que dende hai milenios non existiu unha sociedade totalmente igualitaria os científicos teñen que poñerse de acordo en que grado de desequilibrio é o axeitado, o que implica defender un modelo ou outro de organización social. Galbraith, como se dixo, é un economista de orientación progresista: criticou a administración Bush e as teses monetaristas de Milton Friedman e asesorou a Yanis Varoufakis.

A pesares destas credenciais, non se pode falar da obra como un ensaio parcial. O autor utiliza un modelo típico da divulgación sobre temas económicos, o da pregunta-exame que serve para achegar ao lector como interlocutor e dá unha progresión lenta e clara a un tema que, en ocasións, pode ter grande complexidade. 

Se son vostedes habituais do tema —por exemplo co clásico de Robinson e Acemoglu, que tivo hai anos boa saída no mercado— non atoparán ata a conclusión demasiadas novidades. Galbraith comeza coa triste constatación de que a forte desigualdade é unha realidade cotiá asociada á pobreza, a inmigración ou o patriarcado. Nunha segunda fase tenta ir ao concreto e enfróntase á imposíbel tarefa de medila. A pesares da existencia de índices moi popularizados e útiles —nomeadamente o de Gini— o muro resulta imposíbel de superar de todo pola inexistencia de datos básicos sobre salarios e rendas na meirande parte dos países. Dos máis de douscentos que andan polo mundo, só uns trinta proporcionan estatísticas que permitan analizar o estado da cuestión.

Por iso regresa o autor axiña ao terreo da especulación e lanza a pregunta do millón: que grado de desigualdade resulta beneficioso para unha sociedade calquera? O feito de que recoñeza Cuba ou a extinta como RDA como modelos con aspectos interesantes fala da súa honradez intelectual. Mais a conclusión da súa análise sobre as diferentes medidas que se poden tomar para a redución dos desequilibrios leva a unha certa desesperanza: son medidas complexas de aplicar e posibelmente reducir a desigualdade mesmo sexa malo en certas sociedades. Eu estou lonxe desta posición, pero a solidez dos argumentos proporcionados é alta.

Precisamente pola solidez intelectual do autor e a súa coñecida traxectoria progresista, sorprende a conclusión do ensaio, unha análise da correlación entre sociedades igualitarias e éxito en conflitos militares que non aparece como unha especie de artigo non relacionado do que o lector pode prescindir sen atrancos para dedicar as súas reflexións a moito mellores páxinas.

Comentarios