Deslocalizar Galicia

Máis dunha vez escoitamos falar da internacionalización empresarial como argumento para a defensa da supervivencia da nosa estrutura produtiva. Non se trata só de vender fóra, senón de implantarse fóra para garantir a fortaleza e futuro daquelas empresas que queremos sigan sendo nosas, sen desmantelalas, xerando emprego e oportunidades aquí mesmo. Paradoxalmente, iso que practicamente ninguén cuestiona xa no eido económico, si se pon en cuestión no eido político.

Pola contra, estar fóra e nas mellores condicións posibles, transmitindo as mellores ideas e ambicións, é un requisito indispensable para encarar os desafíos do presente.

O goberno anterior, que avanzou nesa liña con maior ou menor fortuna, deixou un sabor agridoce: acertou delimitando fisicamente os espazos de representación da acción exterior e da emigración, aínda que fallou na incorporación do factor diaspórico á acción internacional alentando neste aspecto un conservadorismo estratéxico inaudito.

A falla de recursos é unha mala escusa para desandar o camiño iniciado. Aínda que o goberno galego teña como primeira misión procurar o benestar dos seus cidadáns, o campo de xogo vai moito máis alá do noso territorio específico.

A importancia da acción exterior, a simple vista desvalorizada no organigrama institucional actual, é determinante para o futuro de calquera colectividade. Non é un problema de nacionalismo ou non nacionalismo, senón de ulir as tendencias en curso e incorporarse a elas con actitudes proactivas.

Hai moitos estados mexicanos, poñamos por caso, nada sospeitosos de nacionalismo, que contan con delegacións propias nas avanzadas económicas do mundo actual (de Europa a Asia). Debemos evitar esa distorsión. As mensaxes poden ser diferentes pero o instrumento pode ser útil para todos.

No que atinxe á diáspora, urxe pular un cambio histórico, diferenciando a dimensión asistencial daquelas que inciden na súa consideración como capital relacional e aproveitala plenamente con todo o galego que hai fóra dos nosos Centros, que é moito e de gran valor.

Case todo pode suplirse con ganas e estratexia, pero estas tamén deben formularse con realismo e sentido de futuro. Fuxindo das precipitacións, pactando compromisos co máximo das unanimidades posible e con plena conciencia do tempo en que vivimos entendido este nun sentido necesariamente máis amplo cos nosos lindes xeográficos. Se Galicia é a nosa empresa, apostemos por facer dela unha marca global exitosa. Esa é a premisa.

Comentarios