Desmontando finais felices

A escola de artes Bonobo clausura o seu proxecto dentro do programa 'Namorando' involucrando a 70 persoas en distintas actividades artísticas que promoven a igualdade
Un dos momentos do obradoiro
photo_camera Un dos momentos do obradoiro

"Felices para sempre/ é o que pensa toda a xente./ Detrás, a historia é diferente./ Desfaite desa venda que che impide verme". É parte da letra Felices para sempre, eixe dun proxecto educativo desenvolvido por mestres da escola Bonobo de Pontevedra, que dirixe Gonzalo Maceira (Furious Monkey House), dentro do programa 'Namorando', unha iniciativa do Concello de Pontevedra que pretende fomentar a igualdade de xénero no ámbito escolar.

Seis alumnas de Secundaria de Pontevedra, Iria Gómez, Candela Vázquez, Azahara Cepa, Carlota Blanco, Jessica Barros e Lucía Villaverde, son as autoras da canción Felices para sempre, sobre a que xira todo un conxunto de actividades que este sábado rematou coa participación de 70 persoas, "dende cativos a adultos, incluídos os 17 mestres que traballan neste curso na academia", segundo di Maceira, nunha programación artística celebrada ao longo de toda a mañá en Bonobo.


Seis alumnas de Secundaria da cidade foron as que desenvolveron o que foi o eixe da proposta educativa: a canción 
Felices para sempre


"Cando puxemos en marcha este proxecto queriamos medrar como unha escola de artes integradas, é dicir, que fose quen de desenvolver proxectos en común", conta o director do centro. "Este, dentro de 'Namorando', é o primeiro que sacamos adiante de xeito completo".

Así, coincidindo co inicio do curso, as instalacións da escola acolleron este sábado, ao longo de toda a mañá, un conxunto de obradoiros realizados arredor do tema Felices para sempre. Houbo actividades de danza, de stop motion, de coro, de música, de ilustración e de fotografía, entre outros.

VIDEOCLIP. "Cando comezamos a traballar coas seis nenas, dentro de 'Namorando', sobre a igualdade e a violencia de xénero a conclusión chegou en forma de canción", conta Gonzalo Maceira. "Elas e só elas son as responsables finais deste tema, que agardamos que teña unha vida que vaia máis alá deste proxecto educativo". De feito, agora que xa a teñen gravada, o que lles queda pendente é facer con ela un videoclip. "Desta maneira pecharase a finalidade comunicativa que ten o tema. A nosa intención é que a mensaxe chegue ao maior número de xente posible, que se mova, por exemplo, polo maior número posible de centros educativos".

Ao mesmo tempo, tamén se está a gravar un 'making of' sobre todo o desenvolvemento do proxecto, que se estreará xunto ao videoclip do tema, durante a semana de actividades que o Concello lle adique á violencia machista en novembro.

Maceira, que sacou adiante o proxecto de banda de rock infantil Furious Monkey House e tamén estivo detrás do proxecto de desenvolvemento do grupo de nenas de Pontevedra Mushu, volve mesturar música e educación nunha nova iniciativa. "Facer unha canción é complicado. Atopar as palabras xustas é difícil. Estas nenas fixérono xenial".

Comentarios