Despois de 50 anos aínda latexa o corazón

PON3103P9F4.JPG
photo_camera PON3103P9F4.JPG

Elas vestidas coas súas mellores galas, cun traxe feito á medida pola modista de toda a vida ou cun atuendo elegante pero máis discreto. Eles, moi ben pertrechados tamén, máis da metade con garavata. Porque o de onte non era un domingo calquera.

O Concello de Poio, seguindo unha tradición que xa pasa dos vinte anos, rendiu onte unha homenaxe a 13 matrimonios do municipio que este ano cumpren as súas Vodas de Ouro.

O acto tivo lugar onte pola tarde, no centro social da Casa Rosada. Ata as cortinas e o parqué se cubriron de corazóns vermellos porque o amor non ten idade e se hai 50 anos os corazóns latían ben forte, cinco décadas despois o amor segue presente.

A festa homenaxe está organizada pola Concellería de Benestar Social e supón unha dose de ilusión para os protagonistas.

En 1964 foron 104 parellas as que se deron o ‘si quero’ no munipio de Poio. De todos estes matrimonios 31 fixeron vida no concello e teñen a sorte de vivir os dous membros. Atendendo ás súas circunstancias persoais, foron finalmente 13 parellas as que aceptaron participar neste evento.

O Concello lembra que desde o ano 1993 se vén organizando esta celebración, que sempre se adoita facer no mes de febreiro para que coincida con San Valentín. Non obstante, este ano decidiuse atrasala á primavera para respetar a celebración do Entroido e «escapar do mal tempo deste inverno», aínda que a xornada de onte non foi precisamente de sol e calor.

Os maiores homenaxeados acudiron acompañados dos seus familiares e amigos e foron recibidos por diferentes membros da Corporación municipal, como o portavoz do PP, Ángel Moldes.

Entraron no salón en parella entre cariñosos aplausos do público. No acto non faltou o alcalde, o nacionalista Luciano Sobral, quen lle fixo entrega a cada unha das parellas dunha placa, un diploma e un detalle floral que lles quedará de recordo para toda a vida dun día moi especial.

Historias persoais

Na semana anterior as parellas participantes acudiron ao centro social para ser entrevistados e recoller as súas historias persoais: como viviron de nenos, como se coñeceron, canto tempo botaron de noivos, a que idade comenzaron a traballar, que lembran do día da voda, anécdotas, descendencia, reflexións ditas en alto... Tamén lles preguntaron que lles gusta facer na actualidade ou que lles preocupa.

Con toda esta información preparouse unha semblanza de cada parella para ser lida ante o público, que escoitou con grande atención.

Así mesmo, o Concello tiña previsto contratar unha fotógrafa profesional para recoller os mellores momentos da homenaxe e, pasados uns días, entregarlles un recordo fotográfico a cada parella dun día tan especial.

O acto contou tamén coa cantareira de Poio Sara Lorenzo, que lles dedicou unha cantiga dos tempos nos que os homenaxeados eran novos, acompañada da pandeireta. Foi unha festa moi emotiva e de encontro de xeracións, xa que avós, fillos, netos e biznetos puideron gozar dunha tarde na que a familia foi a protagonista. Que se vaian preparando os matrimonios de 1965.

Comentarios