Desprezos e desprezadores

Falar no nome dun pobo e desprezalo até a humillación, é non só un sarcasmo senón tamén un apaixonante caso de siquiatría terapéutica. Se ademais ese desprezo leva como consecuencia o asasinato vil e covarde de persoas polo simples feito de pensaren distinto, é cando a humillación se revira en noxo, fedor a fascismo rancio e involución cerebral até o chanzo inferior ao australopithecus.

O pasado luns ETA volveu deixar patente unha vez máis –unha macabra vez máis- que ten unha “j-ETA” que “se la pisa” pedindo por unha banda que se escoite a voz do pobo basco, e por outra sendo ela mesma quen despreza o clamor dese pobo que di defender e que hai tempo que está a pedir aos etarras que se metan as armas maiormente por ese sitio que usan para pensar (por certo, parabéns e solidariedade de corazón a Iván, o fillo do asasinado Luis Conde, por, no medio da súa máis ca patente dor, dar unha magnífica lección de entereza e serenidade nas súas declaracións).

E sendo ETA a parte máis cerebralmente danada da cuestión, non deixa de ser tamén lamentábel escoitar a outros demócratas-de-toda-la-vida (ou desde o 76 e máis tarde aínda) como piden a ETA que “escoite a voz do pobo basco” e deixe as armas, sendo eles mesmos os que tamén desprezan e ignoran dita voz, cando tratan por todos os medios (políticos, xudiciais e xornalísticos) de impedir que o lexítimo representante democrático do pobo basco, o lehendakari, busque vías pacíficas e estritamente políticas a este calexón sen –polo de agora- saída, incluída a de lle dar voz ao propio pobo (mesmo algún ex presidente español montaguerras quixo metelo no cárcere por semellante “aberración”). Coma os etarras, piden a outros que se escoite a voz do pobo sendo eles os primeiros en non querer saber nada do que ese mesmo pobo agarda deles.

“Mire vostede, é que ese referendo é inconstitucional”. Anda, pois é certo. Marabilloso, sigamos pois outros 30 anos cunha Constitución que nin soluciona o problema, nin deixa que outros o fagan. Claro que tamén se podería modificar, pero a lei de Deus é a lei de Deus. É o que teñen estes réximes de teocracia constitucional.

Comentarios