Dez colectivos apoian a marcha da Vía Verde entre Pontevedra e Vigo

Convocan unha acción o domingo para que partidos e administracións se unan ante Fomento a prol da cesión do tramo ferroviario

A reivindicación de que os tramos en desuso do ferrocarril entre Pontevedra e Vigo se converta nunha Vía Verde terá o domingo o seu maior expoñencial, grazas á convocatoria liderada polas asociacións As Salinas do Ulló (Vilaboa), Pedaladas (Pontevedra) e A Golpe de Pedal (Vigo), que desenvolverán varias marchas para pór de relevo a demanda social dun corredor sostible entre as dúas grandes cidades da provincia que serva para reciclar as vías, os camiños locais e para dar unha alternativa segura aos ciclistas desta área.

A cita, que coincide coa Semana Galega da Mobilidade, terá como epicentro Arcade para os defensores desta vía que queiran percorrer a pé o tramo de Paredes e Vilaboa cara Pontevedra, pero hai convocadas outras marchas sobre rodas con saídas en diferentes puntos para que o percorrido se poida completar desde calquera municipio dos percorridos pola vía.

Así, en Pontevedra, a Asociación Pedaladas vai facer o percorrido ata Vigo en bicicleta de montaña. Partirán ás 9.00 da mañá, desde a Praza de España, e farán paradas en todos os puntos onde haxa concentracións de manifestantes: Arcade, Redondela, e Chapela (entre as 10.30 e as 12.30 horas). Para participar con Pedaladas é precisa unha inscrición previa, posto que só 49 ciclistas poden participar no percorrido.

A Golpe de Pedal, a asociación convocante en Vigo, fará un percorrido pola parte Sur do traxecto e concentrarase en Porta do Sol reuníndose cos ciclistas que cheguen desde Pontevedra. Neste caso, non hai límite de participantes e a reunión rematará ás 14.00 horas na emblemática praza viguesa.

As Salinas do Ulló promove unha ruta a pé que parte de Arcade o mesmo día ás 10.30 horas e que estará en Figueirido ás 11.30. A intención é que o maior número de persoas particulares, asociacións e representantes sociais e políticos se poidan unir a esta marcha, en calquera das súas vertentes para visibilizar así a oportunidade e forza desta demanda colectiva.

A proposta xa conseguiu a adhesión da Federación Galega de Ciclismo, da asociación Verdegaia, e de colectivos como Arousa en Bici, Asociación Crunia, a Asociación de Ciclistas Galegos, Mobi-Liza e Composcleta, que apoian esta reivindicación. Tamén o BNG de Soutomaior, que ten demandado xa esta vía verde (ao igual que o Goberno local deste Concello), se une ao chamamento para acadar a máxima participación. Pedaladas, pola súa banda, invita a Xunta e Deputación a que se sumen a esta reivindicación.

Comentarios