"As dinámicas sociais non se cambian deixándoas estar, senón incidindo nelas"

Dalila Dopazo naceu en Marín, vivíu en Pontevedra e traballou por primeira vez en Cangas, cando só había dous xulgados na vila e o castelán copaba a administración xudicial. Ela atreveuse a desafiar os prexuízos que situaban ao galego coma unha lingua de segunda e comezou a dictar sentenzas na súa lingua materna
Dalila Dopazo
photo_camera Dalila Dopazo

Non cre que a súa decisión sentara un precedente, pois a maxistrada Dalila Dopazo insiste en que "xa algúns o facían antes ca min". Pero si recoñece ter posto a primeira pedra do camiño nos Xulgados de Cangas. Este martes tivo a oportunidade de revisitar o edificio cangués, pois a Irmandade Xurídica Galega galardonouna pola súa labor para co galego no acto ‘Unha lingua de lei’. Dopazo é de fala afable pero concisa, cunha claridade de ideas propia duha profesión como a súa.

Foi vostede das primeiras en sentenciar en galego.
Pois parece ser que si. Foi no meu primeiro destino, pero non sei exactamente cando, no 2004 aproximadamente, cando traballaba no Xulgado número 1 de Cangas.

"A Xunta debería responsabilizarse de que na Administración de Xustiza contemos cun programa informático no que se poida usar o galego"


O ano 2004 está cercano no tempo e chama a atención que ata ese momento só se utilizara o castelán. Cales son os motivos?
Son as mesmas razóns de diglosia xeral. Na Administración sempre se traballou en castelán. A Xustiza é unha institución un pouco peculiar e parecía a menos dada á galeguización. E, ademais, hai un detalle que ten que ver cos medios técnicos. A Administración de Xustiza funciona cun programa informático íntegramente en castelán. Isto é unha responsabilidade da Xunta, que debería habilitar uns medios que permitiran que o programa tamén estivera en galego.

Vostede consegue unir a túa profesión co teu idioma. Sempre foi galegofalante?
Non, eu son neofalante. Galegofalante fun cando era pequena. Logo, pola influencia da escola, pasei a falar castelán e máis tarde retomei o galego. Utilizalo no traballo ven por razóns de concienciación ideolóxica. Ademais tiven unha referencia importante, os meus preparadores de oposición, Luciano Varela e José Juan Barreiro, que naquela época estaban na Audiencia Provincial de Pontvedra e desenvolvían a súa actividade en galego.

A provincia de Pontevedra non é das que máis falantes de lingua galega ten. É diferente na Administración?
Pois si, porque foi, probablemente, a provincia que máis avances deu neste ámbito. Igual moi voluntaristas, pero si que se deron. Por exemplo, a primeira sentenza que se deu en galego, antes de facelo nós en Cangas, foi no Xulgado de Redondela. Por iso digo que si había precedentes, como o maxistrado Manolo Pereira, en Caldas, quen tamén usaba o galego.

"Non hai estatísticas do uso do galego na Xustiza, e iso é importante porque permitiría saber se a política lingüística funciona ou non"


E como está a situación agora no mundo xudicial?
O galego segue sengo bastante escaso. De feito, non hai estatísticas sobre a súa utilización, algo curioso pois, por exemplo, en Cataluña fanse seguimentos anuais computando os datos de resolucións en catalán. Iso é importante porque un non sabe se a política lingüística é correcta ou non se non a avalía.

Por que seguimos vivindo nunha sociedade con diglosia?
É un problema que ven do poder político, porque é el o que ten que cambiar as dinámicas sociais. Iso non se fai deixándoas estar. Hai que incidir nelas, tanto para eliminar os prexuízos que existen en torno á lingua como para artellar mecanismos que permitan utilizala de forma correcta. Para iso, creo que, no ámbito educativo, debería derogarse o decreto do plurilingüismo e facer discriminación positiva en favor do galego. No ámbito da Xustiza, é básica a existencia do programa informático en galego. Non podemos andar sempre traducindo.


Comentarios