Jueves. 18.10.2018 |
El tiempo
Jueves. 18.10.2018
El tiempo

Don Gaiferos de Mormaltán

Retorno ás miñas colaboraciós despois, digamos, dun certo descanso sabático, confiemos que pra comparecer semanalmente. E vouno facer, hoxe, cun corto comentario sobre o persoaxe do título, tendo en conta que estamos en ano Xacobeo, e que don Gaiferos, dende a divulgación do seu romance por Manuel Murguía e Faustino Santalices, fíxose pra moitos de nós un home querido. A min non me sorprendería, de verdade, atoparme coel en calquera das visitas que fago a Santiago, sobre todo tendo en conta que o Camiño, que tanto contribueu á construcción de Europa, á relación dos seus pobos, diríase que está a retoma-lo poder de atracción que tivo en gran parte da Edade Media. ¿Leenda ou historia? Pois ambas cousas, dende a converxencia ou identificación de don Gaiferos con Guillermo X de Aquitania, peregrino ilustre e penitencial a Santiago de Compostela, posiblemente o home dos “ollos gazos, leonados, verdes com´auga do mar”, que di o romance. Se nos tempos da Reconquista o Camiño foi a entrada de Europa, a forma de permeabilizare e uni-los distintos reinos hispanos contra o nemigo común, desta volta pode que a marea de peregrinos que trae o Camiño, represente un reactivo nestas horas baixas da nosa historia contra un nemigo semellante, tapado polo chamado multiculturalismo que hai pouco denunciaba Frau Angela Merkel, un aviso pra todo o continente; ou deixémo-la nova vía láctea en camiño de esperanza, de nova evanxelización na que parece hora crepuscular da nosa civilización, na que hai novas matanzas de inocentes e na que sorprende ver que Compostela foi todo o ano porto de arribada de xentes de distintos países e linguas, pero cunha mesma fe, prás que Compostela pode te-lo valor dun novo Pentecostés. Poden moitos chegaren á Catedral “cos pes cheos de sangue” como don Gaiferos chegou. Sobre el volvemos. Coido non é casual a publicación este ano dun libro (obra inacabada) de Isidoro Millán González-Pardo, titulado Don Gaiferos de Mormaltán X Duque de Aquitania. A edición de Follas Novas ó coidado de Luís e Iris Cochón forma parte dunha colección que intenta achegar ó lector textos fidedignos de autores clásicos referentes ó Camiño de Santiago ou á aspectos con el relacionados, nos que a Cidade, o propio Camiño, a Catedral, a picaresca, son temas a estudiar. E sendo Galicia probe en romances, según o propio Murguía afirmaba, un feito afortunado permiteulle recolle-lo fragmento do de Don Gaiferos, sen que haxa constancia doutra versión oral. Luís e Iris Cochón fálannos do rigor dos traballos de Isidoro Millán, culminados nesta obra que mesmo podemos considerar como unha novela histórica do XIX. Sí existía a tradición da morte na Catedral de Guillermo de Aquitania. Moi breve, diremos que nunha das fontes históricas, Chronicon Sigeberti, composto por Roberto de Thorighy, abade de Mont Saint-Michel, en Normandía, faise constar que no 1137, Guillermo, conde de Poitou parte cara Santiago, en Galicia, pra orar, e morre na Catedral un 9 de Abril, Venres Santo. Isidoro Millán parteu da base de que podería existir, á par do romance, algún relato en prosa, coetán. A revelación do romeiro: “Eu chámome Don Gaiferos pode correspondere a unha deformación, normal na elaboración dos romances; e que un escriba culto debería ter tratado como Guillelmo(s); que Mormaltán sería, talvez, contaxio doutros romances, de Montalván, citada en romances carolinxios, ou de Mont-de Marsán, no departamento das Landas, que dependía de Aquitania: Montd´Marsán, Mormaltán, tomado de oídas. Posible.

Don Gaiferos de Mormaltán
Comentarios