Draghi e o látego da competitividade

O onmipotente Mario Draghi, cabeza dos homes de negro da Troika, compareceu onte no Congreso dos Deputados. Non para dar contas, nin para se someter ao escrutinio das e dos deputados. Senón de motu propio e a título meramente informativo e formal. Fíxoo de maneira clandestina, nunha sesión a porta pechada da Comisión de Economía. Sen taquígrafos nin acta posterior. Amparado por unha censura desmedida que a golpe de inhibidor de frecuencias deixou sen telefonía nin acceso a Rede ás señorías presentes e tamén aos xornalistas que cubrían a visita de cortesía.

Unha censura inútil, en tanto que aos poucos minutos xa circulaba en internet unha filmación furtiva. Unha censura ridícula ao publicaren o propio Banco Central Europeo o texto íntegro da intervención pretensamente secreta do seu presidente. Censura infame, xa que para alén do seu carácter antidemocrático, foi ademais imposta como unha caste de agasallo, como un símbolo de obediencia do goberno español perante a Troika que detén o poder en beneficio da oligarquía empresarial e financeira europea. Máis un sinal de submisión servil do poder político sistémico á clase dominante, aos poderosos, ao Capital.

E que dixo Draghi? Nada novo. A súa intervención de vinte minutos concentrouse nunha circular, e aburrida, reiteración dos paradigmas do pensamento neoliberal, co afán indisimulado de presentar como ciencia (económica) o que en realidade son posicións ideolóxicas. Dixo, entre outros apuntes, que os recortes non estaban a ter efectos positivos para a maioría social, mais que estes chegarían. Obviou, loxicamente, abordar os efectos negativos que xa están a padecer as clases populares, en forma de empobrecemento masivo, precarización das condicións de vida e de traballo ou a apresurada perda de dereitos sociais e civís. Impartiu beizón reiterada ás políticas de recortes implementadas polo Partido Popular, atrevéndose mesmo a albiscar signos positivos na economía española.

Porén, a pedra de toque do seu discurso a pesar de non ter sido central no mesmo é unha palabra chave: competitividade. O vello mantra da competitividade, baixo o que outrora gobernos españois, quer do PSOE quer do PP, desenvolveron violentas ofensivas contra os dereitos da clase traballadora (ETT, abaratamento do despedimento...). Competitividade como eufemismo cínico de precariedade, de desregulación das condicións laborais, de aumentos de xornada, de intensificación do traballo, de retirada de dereitos das e dos traballadores, de empobrecemento a través da redución dos salarios (directos e indirectos), para favoreceren o incremento da produtividade, para aumentar o lucro empresarial a través dunha maior explotación da forza de traballo e da apropiación de maior cantidade da plusvalía xerada por esta. En resumo, a competitividade como un látego co que nos obrigar a traballar máis, con menos dereitos a cambio de menores salarios, para maior engorde do lucro duns poucos.

Eis a receita para tentar resolver, no seu beneficio (no do capital) claro está, a presente crise sistémica. Porque saben ben que na loita de clases, só gañan se a maioría perdemos. E viceversa.

Comentarios