As dúas caras de Rusia

Ademais das trampas nas recentes eleccións rexionais, a actualidade política de Rusia ven marcada pola hipotética agudización das diferenzas entre Putin e Medvedev, as dúas caras dunha Rusia que non estaría tan unida como parece, tanto que non se descarta de todo que o segundo poida aspirar a candidatarse en 2012 competindo co primeiro.

As diferenzas entre ambos acadan unha notoriedade pública cada día máis acusada, tanto na percepción da actualidade como, en aparencia, en aspectos claves da orientación estratéxica do país. Mentres Medvedev recibía a Hillary Clinton en Moscova para celebrar a reconsideración estadounidense ao establecemento do escudo anti-míseis en Europa, desde Pequín, ao tempo de asinar múltiples acordos enerxéticos e comerciais, Putin viña a dicir que “xa veremos”, moderando o optimismo do seu sucesor. En asuntos como Irán pasa outro tanto: se Medvedev inclínase por secundar a política de sancións, Putin apela á necesidade de proseguir o diálogo.

En política interna, os matices tamén van medrando. Medvedev non se priva de criticar o balance económico da primeira era Putin, debedor da explotación das materias primas e hoxe agoniado pola crise do modelo, o aumento do desemprego e do descontento social, demandando unha nova política. As audiencias que concede aos partidos da oposición ou ás ONGs defensoras dos dereitos humanos non deben agradar en absoluto a Putin, quen tilda a estas últimas de antipatriotas e de estar a soldo dos gobernos occidentais. As reservas e a conduta de Medvedev amosan outro parecer, aínda que poida tratarse dunha simple táctica para gañar apoios, por outra banda, de escasa transcendencia electoral polo momento, aínda que de valor substantivo para os países occidentais.

Pese ás notas discordantes, a popularidade de Putin segue moi alta, arredor do 80%. Omnipresente en todas as crises, mantén en plena forma os seus hábitos presidenciais e condúcese como o autentico monarca desta Rusia post-soviética. Putin exhibe unha ampla marxe de manobra que contrasta co illamento do seu aliado-rival, tanto socialmente como no propio Kremlin. Poda que se trate dun simple reparto de papeis en momentos de certa complexidade como o actual, pero tamén que os rexistros de cada un vaian distanciándose ata derivar nun enfrontamento no que Medvedev pode levar todas as de perder salvo que Putin convértase en branco de todas as críticas polas dificultades económicas. Pero ata desas sabe revolverse.

Comentarios