miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

As dúas caras

Deus Jano
Deus Jano
O deus Xano chega o vindeiro 1 de outubro

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

AO CHEGAR o 1 de outubro abrimos as portas do deus Xano e invocamos non a súa protección, senón as capacidades de ver o destino no pasado e viceversa. Por veces, neste país, temos a sensación de que hai algunhas leccións básicas da vida que non se dan aprendido. Gustaría, neste caso, de dispoñer dun motor de historias que permitira abandonar as trincheiras.


VISTA
El simpatizante (Planeta de Libros), de Viet Thanh Nguyen, premio Pulitzer 2016, é un relato da guerra de Vietnam inagardado: o protagonista é un militar exiliado de Vietnam do Sur en Norteamérica, onde fuxe tras a caída de Saigón e, polo tanto, do bando capitalista e católico. Ao mesmo tempo, é un infiltrado do Vietnam revolucionario e comunista do Vietnam gañador do norte. O protagonista vive e pensa ao mesmo tempo as dúas perspectivas, ao xeito dun deus Xano contemporáneo, nun fascinante exercicio literario que perturba e sorprende non só pola inusual óptica —o espía acaba sendo mesmo asesor cultural da filmación dunha posible Apocalypse Now— senón pola súa ambigüidade moral, que é onde flota moitas veces a verdade como unha revelación oculta.


OÍDO
Cando se publique este Seisentidos, o ruído do 1 de outubro será xa insoportable. O deus Xano tiña a capacidade de ver os comezos e os finais, as dúas caras das cousas. Foi das mellores invencións de Roma, e das máis esquencidas. O máis abraiante resulta a inocencia de moitos e o bandismo que se propaga coma unha maldición. Vexo a intelectuais intelixentes do meu país galego metidos en poleiro alleo —si, por agora é alleo—, incapaces de publicar unha análise crítica da situación que contemple as dúas partes. En bandas todo resulta máis doado: branco e negro, ben e mal. Como me explicaron unha vez: "É que incluír todos os puntos de vista resulta paralizante". Eis o nivel.


OLFACTO
Moitos académicos non atopan a narrativa dixital porque non saben onde buscala. Aquí vai un sitio. Nemesis é a engine, o motor, do xogo Shadow of War, ambientado nalgures entre O Hobbit e O Señor dos Aneis. Un complexo sistema de execución e creación de historias baseado na interacción do usuario coas personaxes, xenerando unha experiencia distinta para cada xogador, sofisticada e abraiante. A narrativa dixital leva anos evolucionando con rapidez diante dos fuciños de moitos. Non se chama novela, nin libro de poesía. Por iso non a atopan. E que máis dará como se chame.


TACTO
Na última presentación de Apple, os executivos enfatizaron que o sentido último da tecnoloxía é a súa desaparición. Un exemplo ben claro é a técnica do recoñecemento facial do iPhone X, que xenera un modelo 3D da nosa cambiante cara, eliminando así o sensor de pegadas dactilares que evita que acariñemos o aparato co dedo en beneficio dunha seductora ollada á pantalla.


GUSTO
Raúl Pérez é o enólogo berciano responsable, en gran medida, dun impulso e renovación dos viños galegos. E non para quieto. O último nervio probeino estes días, La Clave, do Bierzo, a nove euros. Con diferencia unha das mellores opcións calidade-prezo do noroeste hoxe en día. Próbeno e non quedarán defraudados. Bebendo catro botellas seguidas estarán en condicións de afrontar o 1 de outubro como Xano manda.


INOCENCIA
En Mugardos abriron a musealización dun pequeno spa romano cos cartos de Reganosa. Un místico túnel de formigón introdúcete no pasado ata a sala na que se custodian aquela palestra —única en Galicia— e os restos das salas tépedas e quentes.

O seu relato está especializado na cultura romana da saúde e do deporte. Faime pensar que un futuro interesante para o patrimonio do país sería a posibilidade de percorrelo en episodios, de maneira complementaria, como pasa no Muro de Hadriano, en Inglaterra. Todos os fortes lexionarios son idénticos, pero cada un conta algo distinto. Eu tamén son un inocente.

As dúas caras
Comentarios
ç