Dúas horas e máis de 100 preguntas, primeiro paso para traballar na compostaxe en Pontevedra

O exame inicial para conseguir unha das dez bolsas da Deputación reuniu a 309 aspirantes
A proba celebrouse no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe
photo_camera A proba celebrouse no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe

Un grupo de 309 candidatos reuniuse o luns no pavillón de Príncipe Felipe para realizar a primeira proba do proceso mediante o que se elixirá ás dez persoas que traballarán nos centros de compostaxe que promove a Deputación de Pontevedra.

Este exercicio inicial consistiu nun exame tipo test conformado por 105 preguntas (cinco delas de reserva) sobre o proceso da compostaxe e outros sistemas de tratamento de lixo, lexislación e conceptos básicos de bioloxía e química. Os aspirantes tiveron dúas horas para respostar as cuestións do exame, se ben os primeiros en entregar a folla de respostas fixérono tan só trinta minutos despois de que se iniciase a proba.

O presidente do tribunal cualificador foi o xefe do Servizo de Asistencia Intermunicipal da Deputación, Gabriel Rodríguez; a secretaria foi a técnica de Emprego e Formación María Chaves, e a técnica provincial de Medio Ambiente, María Martínez Abraldes, exerceu de vogal.

O vicepresidente provincial, César Mosquera, subliñou "a transparencia e normalidade do proceso, que permitirá á Deputación contar con persoal de grande formación na posta en marcha do Plan Compost".

Os formularios, identificados mediante códigos, foron corrixidos automaticamente por un ordenador, de maneira que as cualificacións se darán a coñecer este martes na páxina web da Deputación, onde tamén se exporá a nota de corte para pasar á seguinte fase, que consistirá nunha entrevista persoal. Esta servirá para desfacer empates no caso de coincidencia de puntuacións na proba tipo test.

As 20 persoas que superen con maior nota estas dúas probas accederán a un curso de formación e as dez mellores do mesmo conseguirán as bolsas de emprego, converténdose nas encargadas do mantemento dos primeiros centros de compostaxe comunitario que a Deputación repartirá polos concellos da provincia nos primeiros meses de 2016.

VINDEIRO ANO. Tal e como indicou Mosquera, "se todo sae segundo o previsto, os mestres composteiros comezarán a traballar entre os meses de febreiro e marzo, cando os concellos xa terán os centros de compostaxe comunitarios instalados, logo da selección de proxectos que a Deputación realizará no mes de xaneiro. A incorporación efectiva dos bolseiros producirase de xeito paulatino en función das necesidades reais".

O resto de aspirantes que superasen o curso pasarán a formar parte dunha lista de reserva para os casos de renuncia ou incumprimento de obrigas.

A remuneración dos bolseiros correrá a cargo da Deputación durante un período de seis meses prorrogables a outros seis, cunha contía de 1.400 euros ao mes (cos gastos de desprazamento incluídos). O seu traballo consistirá no mantemento dos centros de compostaxe e no asesoramento e divulgación do sistema. Poderán exercer a súa actividade en varios concellos a un mesmo tempo.

Comentarios