"É unha experiencia da que espero aprender cousas"

Entre todos os aspirantes para o concurso 'Recantos' do 'Luar', Verónica Fernández, veciña de Valga, logrou destacar e adxudicarse unha das prazas que lle permitirá representar ao seu concello. Agora pide aos seus veciños que a axuden mediante as votacións para manterse na competición o maior tempo posible
Verónica Fernández
photo_camera Verónica Fernández

O concurso musical Recantos, emitido os venres dentro do programa Luar da TVG, contará na súa próxima edición coa participación de Verónica Fernández, unha rapaza do concello de Valga. Esta veciña de Campaña foi seleccionada entre máis dun cento de aspirantes e xa ten marcado o día para o seu debut ante as cámaras. Este levarase a cabo no programa que se emitirá na noite do 29 de setembro e a súa traxectoria no certame estará, en boa medida, nas mans do público. É por esta razón que fai un chamamento aos seus veciños para que lle axuden a que a súa estadía no concurso sexa o máis longa posible e poida chegar lonxe e facer que se sintan orgullosos dela. Ademais, coa súa participación en Recantos, Verónica Fernández espera que se lle abran as portas do mundo da música e así poida cumprir o seu soño.

Como xurdiu a posibilidade de participar neste concurso televisivo?

Sempre me gustou cantar e un día vin o anuncio que a presentadora de Recantos puxo nunha rede social para buscar candidatos. Decidín apuntarme e chamáronme para un casting en Santiago no que había unha morea de persoas, máis de cen. A miña sorpresa foi que ao pouco tempo chamáronme para comunicarme que estaba seleccionada para representar ás Terras de Compostela. Foi unha alegría, estou moi contenta e a miña familia e amigos tamén, están todos case tan emocionados coma min. Pero, por outra parte, tamén estou bastante nerviosa porque é moita tensión. A maioría de concursantes teñen xa moita traxectoria e eu vou un pouco de novata. É unha experiencia da que quero gozar e da que tamén espero aprender cousas.

Cando poderán vela os seus veciños e o resto de Galicia na pequena pantalla?

O programa comeza o día 15 de setembro, pero eu actuarei por primeira vez o día 29. Nesta fase inicial, a de presentación, cantaremos todos por parellas. A segunda fase, polo mes de novembro, será eliminatoria e será aí cando máis precise dos votos do público para poder permanecer no concurso o máximo tempo posible. A emisión durará ata xuño de 2018 e haberá dous gañadores, por así dicilo: un gañador absoluto que levará un premio de 5.000 euros e un finalista que acadará 2.000 euros.

"Actualmente a carreira átame un pouco, pero sempre intento quitar o máximo tempo posible para a música"

Que quere dicirlle á xente de Valga para que a apoie cos seus votos?

Pídolle de corazón o seu voto porque teño moitas ganas de concursar e espero facelo o mellor posible para que todos gocen tanto como o vou facer eu. Dende cada número de teléfono poden emitirse cinco votos e, tal e como nos explicaron, son gratis.

Imaxínase como gañadora de Recantos?

Hai que ter en conta que moitos dos meus compañeiros cantan en orquestras e en grandes grupos e teñen moita formación. Eu, sobre todo, vou a vivir a experiencia e a aprender deles e, ademais, espero que a participación no programa me abra algunha porta no mundo da música. O gañador do ano pasado foi Antonio Barros e este ano vai participar outro familiar seu, así que debe ser porque lle foi ben e o concurso lle axudou na súa carreira.

Cando comezou a súa relación coa música e, en concreto, co canto?

Gústame cantar desde que teño uso de razón, é algo moi vencellado á miña vida, e iso que non recibín ningunha formación, simplemente sáeme así. Formei parte dun grupo, o trío Alba de Catoira, e no verán actuaba en verbenas para así custearme a carreira de Filoloxía Alemana, que estou cursando na Universidade de Santiago. Hoxe en día a música téñoa como afición, pero sería ideal poder compaxinar os dous estudos, a Universidade e o canto, porque son dúas cousas que me gustan moito. É certo que actualmente a carreira átame un pouco, pero sempre intento quitar o máximo tempo posible para a música.

Que estilo de música é o seu preferido e que artista ten como referente á hora de cantar?

O que máis me gusta é o pop, aínda que canto estilos moi variandos, desde pasodobres ata rancheiras, por exemplo. Unha das miñas cantantes preferidas é Natalia Jiménez -que foi vocalista do grupo La Quinta Estación-. Gústame moito a súa voz e a súa versatilidade, porque fai música pop pero tamén cancións máis mexicanas. Sería un soño chegar ao que ela conseguiu, pero sei que é unha carreira moi difícil e de traballo moi duro. Aínda así, agardo que Recantos me axude a abrir algunha porta nesa dirección.

Comentarios