Economía recoñece o traballo de Fecimo no asociacionismo comercial

A Federación recibiu unha Mención Honorífica na que se valora o labor a prol dos Centros Comerciais Abertos (CCA) e a creación dunha imaxe colectiva, entre outros méritos
O presidente de Fecimo, Xosé Bangueses (na primeira fila, á dereita), na entrega de galardóns
photo_camera O presidente de Fecimo, Xosé Bangueses (na primeira fila, á dereita), na entrega de galardóns

A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, Fecimo, recibiu unha Mención Honorífica nos Premios Nacionais de Comercio Interior 2015, que outorga o Ministerio de Economía e Competitividade.

En representación da federación, Xosé Bangueses e Mar Lorenzo desprazáronse o martes a Madrid para asistir ao acto de entrega de premios, presidido polo secretario de Estado de Comercio Jaime García-Legaz Ponce, máxima autoridade a nivel nacional en materia comercial, que entregaba os galardóns coa delegada do Goberno na Comunidade de Madrid.

Os premios Nacionais de Comercio Interior foron creados no ano 1997 co obxecto de galardoar, por un lado, o labor dos concellos nas súas actividades de renovación urbana comercial e, por outra banda, o labor dos pequenos comercios no desenvolvemento e na modernización empresarial e tamén, nunha terceira categoría, o traballo de asociacionismo comercial, potenciando o desenvolvemento dos Centros Comerciais Abertos.

RECOÑECEMENTO. A mención entregada a Fecimo, como federación comercial sen fins de lucro, valorou positivamente aspectos como o desenvolvemento dos Centros Comerciais Abertos (CCA), as actuacións de promoción e a creación dunha imaxe colectiva, o desenvolvemento de sistemas de fidelización de clientes, a posta en marcha de programas de animación comercial e o número de asociados e sectores que abrangue, entre outros méritos.

Fecimo quere compartir este recoñecemento coas empresas asociadas, así como con todas as administracións públicas e entidades colaboradoras que durante todos estes anos apoiaron o seu labor, en especial os concellos de Bueu, Cangas e Moaña, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Abanca.

"É un orgullo recibir este recoñecemento a unha organización na que comerciantes dos tres concellos traballan de maneira conxunta en campañas e actividades dende a súa fundación, no ano 2000. Un anaquiño desta mención perténcelle a todos eles, que son os verdadeiros protagonistas, os que día a día loitan polo seu negocio a pé de rúa", destaca a entidade nun comunicado.

"Esta Mención Honorífica supón un premio que lles dá forzas para seguir adiante", conclúe Fecimo.

PRETO DE 700 ASOCIADOS. A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo está integrada polas asociacións de comerciantes e industriais de Bueu, Cangas e Moaña (Acibu, Acica e Acimo) e a Asociación de Empresarios do Polígono Empresarial de Castiñeiras (Aepicas), emprazada en Bueu.

En total, as catro asociacións suman preto de 700 asociados que representan a case 1.000 empresas comerciais, industriais e de servizos que engloban practicamente a todas as actividades.

Fecimo fundouse en 1992, aínda que foi durante a celebración da asemblea xeral do 16 de maio de 2000 cando se propuxo a modificación e sometéronse a aprobación os estatutos da entidade.

Comentarios