Propuestas infinitas para celebrar el ecuador

Esta fin de semana é o paso de ecuador do festival e semella que todo tira ben, con grande afluencia de público en todas as proxeccións (incluso varias con todo vendido) e cunhas valoracións por parte dos espectadores ben altas da maioría dos filmes. E imos coa miña escolla para a fin de semana, que vén ben cargada.

Venres, 19 de novembro
22:00 Teatro Principal, Guest (2010, José Luis Guerín) O director de En construcción (2001) e En la ciudad de Sylvia (2007) amósanos neste documental en branco e negro gravado cunha cámara pequena bosquexos do que poderían ser o xermolo dun novo filme, facendo un exercizo de metacine e observación cotiá.

Sábado, 20 de novembro

17:00 Aula Sociocultural de Caixa Galicia, Cancións de pedra (2010, Alejandro Goris Míguez) En Cineuropa tamén hai sitio para a produción de calidade de realizadores da propia cidade. Este é o caso de Alejandro Goris e a súa Cancións de pedra, onde mistura música de rúa e lenda.

18:30 Aula Sociocultural de Caixa Galicia, Pic-nic (2006, Eloy Enciso) Ano tras ano os documentais de Cineuropa é do que máis me gusta. Nesta ocasión imos ata unha praia do Mediterráneo para observar ás persoaxes diarias que habitan a area.

20:00 Teatro Principal, Rompecabezas (2009, Natalia Smirnoff) Unha señora de 50 anos descubre que é moi boa facendo quebracabezas. Esperemos que teña algo máis esta coprodución arxentino-francesa.

22:00 Teatro Principal, Wir sind die Nacht (2010, Dennis Gansel) O director de Die Welle (2008) volve visitar Cineuropa desta volta cunha historia de vampiresas na noite berlinesa.

Domingo, 21 de novembro
18:00 Aula Sociocultural de Caixa Galicia, Bal (2010, Semih Kaplanoglu) Un filme preciosista e que manterá ó espectador pegado á súa butaca a pesar da súa sinxeleza. As abellas das que obtén o mel un apicultor turco desaparecen e o apicultor decide internarse no bosque para ver o que pasa. É entón cando o pequeno fillo deste queda só ante un mundo cheo de intrigas e pequenos misterios.

20:00 Aula Sociocultural de Caixa Galicia, Ne change rien (2009, Pedro Costa) O singular realizador portugués segue neste documental o día a día da actriz e cantante Jeanne Balibar.

21:45 Aula Sociocultural de Caixa Galicia, Cinco (2010, Cinthia Varela, Marco Berger, Cecilia del Valle, Andrew Sala e Francisco Forbes) Cinco directores arxentinos e outras cinco historias cargadas de sexualidade.

Hai un pouco de todo, variado e para todos os gustos. Espero que atopedes algo que vos chegue e, como sempre, aí tedes os comentarios abertos para decir o que vos pareceron.

Vémonos nas butacas!

Comentarios