"Ela chámase Rocío por Rocío Dúrcal, pero o seu estilo é o rock gutural"

Diva Satánica, unha enfermeira de 29 anos criada entre A Coruña e a Terra Chá, sorprende coa súa proposta en 'La Voz' de Telecinco
Rocío Vázquez é Diva Satánica
photo_camera Rocío Vázquez é Diva Satánica

Nun panorama televisivo dominado polo 'flamenquito' e o pop latino, unha muller, Diva Satánica, vén de abrir unha porta para que entre o aire fresco. Diva Satánica é o nome escollido hai máis de dez anos por Rocío Vázquez, a cantante de rock gutural que está a revolucionar o 'talent show' La Voz de Telecinco.

Explica Milagros, a irmá de Rocío, que como tantas chairegas, elas foron dúas nenas criadas "de luns a vernes na Coruña" e "venres, sábados e domingos", entre Pedrafita de Parga (Guitiriz), de donde procede o pai, e Cerdeira, a dous quilómetros de Begonte, de onde é natural a nai da cantante.

"Entre Pedrafita e Cerdeira é onde están as nosas raíces, é de onde somos", enfatiza, orgullosa, a irmá de Diva Satánica, quen explica que o xermolo da vocación de Rocío está nas festas e nas verbenas ás que ían en familia todas as fines de semana pola Chaira.

O cantante colombiano Juanes, que antes de rock latino tocou speed metal e trash metal, escolleuna para o seu equipo

Nada que ver o estilo verbeneiro co que practica Rocío Vázquez, que debutou cunha versión da adaptación que Marilyn Manson lle fixo ao Sweet Dreams de Eurythmics e que venceu o pasado venres a súa batalla contra Basilio Jiménez grazas a unha persoalísima interpretación de The Eye of the Tiger de Survivor.

"A verdade é que meus pais son máis de Manolo Escobar e ela chámase Rocío por Rocío Dúrcal, pero o que lle gusta é o rock gutural", chancea Milagros, quen explica que a súa irmá é a vocalista da formación madrileña Bloodhunter, que acaba de publicar o seu segundo disco, The End of the Faith.

Iso non impide que os proxenitores sexan os meirandes admiradores de Rocío. "Noso pai pon a camisola do grupo e a chupa de coiro e vai animala aos concertos como se fose un máis".

Diva Satánica, explica Milagros, é o alias artístico de Rocío Vázquez, quen se mudou a Madrid para formarse como enfermeira especialista en Saúde Mental, ámbito no que aínda traballa. Rocío é a enfermeira. Porén, Diva Satánica é modelo de fotografía e unha cantante que exhibe sobre os escenarios unha voz poderosa e anormalmente grave, produto dun adestramento técnico para evitar lesións e moi pouco habitual en mulleres e propio das familias más escuras da música metal e do hardcore.

Rocío é enfermeira de Saúde Mental e Diva canta no grupo Bloodhunter

"Un dos seus grandes referentes é a cantante da banda sueca Arch Enemy –comenta Milagros–. Miña irmá é consciente do difícil que é facerse un oco no panorama musical cando a súa escolla é un xénero tan minoritario como o deth metal melódico cantado con voz gutural, pero tamén di que tamén a pode axudar a diferenciarse e ser recoñecida".

Polo de agora, Diva Satánica segue adiante no concurso televisivo La Voz, no equipo do cantante colombiano Juanes, que antes de ser un dos máis importantes expoñentes do pop latino formou parte da banda de speed metal Ekhymosis e do combo de trash metal Agony.

Milagros recoñece que todos na familia son conscientes do difícil que é gañar un concurso como La Voz, "con tan bos cantantes e enfocado máis a músicas doutros estilos", pero están certos de que cada batalla superada supón un "tempo de pantalla" que a Rocío Vázquez/Diva Satánica lle dá visibilidade. "Xa están chamándoa de varios sitios para colaboracións".

E, para rematar, por que Diva Satánica? "O de diva sempre llo diciamos na casa. Satánica engadiullo ela. É un personaxe que se creou. Aínda que non é practicante, pódoche asegurar que Rocío coñece a Biblia de pé a pá".

Comentarios