Eloxio musical e persoal de Enma

Un detalle do acto na honra da mestra celebrado no vestíbulo do centro. (Foto: Rafa Fariña)
photo_camera Un detalle do acto na honra da mestra celebrado no vestíbulo do centro. (Foto: Rafa Fariña)

«É un acto pequeno, pero igualmente necesario e profundamente agarimoso», sinalaba onte o director do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Luís Costa. «Fóra de calquera homenaxe oficial máis ampla que se poida facer en adiante, parecíanos de xustiza ter desta maneira inmediata unha sentida lembranza para Enma Pino».

Preto de 200 persoas, entre as que se atopaban alumnos, profesores e outros membros da comunidade educativa, participaron onte na homenaxe que o Conservatorio de Pontevedra lle quixo facer á mestra do centro Enma Pino, falecida aos 56 anos o pasado domingo. Unhas palabras de Luís Costa na súa memoria e a interpretación dunha peza de Bach á frauta por parte doutra mestra do centro, Adela Vidal, serviron para eloxiar a figura persoal e profesional de Enma Pino.

Profesora de linguaxe musical, «era especialmente querida no Conservatorio, tanto entre os alumnos como entre os mestres», conta Costa. «Moi implicada e activa, facíase querer inmediatamente por quen a trataba». O director sinala que a súa desaparición golpeu duramente no ámbito do Conservatorio Manuel Quiroga «por tratarse dalguén tan novo e tan querido, por tratarse dunha peda especialmente dolorosa por todo o anterior e porque, en casos como este, do oco que deixa parece un non ser consciente ata que finalmente se atopa con el».

Nacida en Tui, pero afincada en Vigo dende cativa, segundo lembraba Fernando Franco no obituario que lle adicou en Faro de Vigo, Enma Pino, amante do jazz, foi mestra de piano de varias xeracións de rapaces de Vigo.

Máis alá do ámbito educativo, formou parte de grupos como Bombeiros Voluntarios, Bromea o Qué, Os Frangos ou Bloody Mary (con María Costas).

O mundo da cultura lamentou esta semana a perda desta muller, que estivo casada con Antón Reixa e actualmente era a parella de Antonio Durán ‘Morris’. O xornalista Xabier Fortes, o cineasta Ángel de la Cruz, os actores Tristán Ulloa e Monti Castiñeiras, a cantante Uxía ou o escritor Marcos Calveiro fixeron público o seu pesar nas redes sociais. Como o grupo Camarada Nimoy: «Foise a marabillosa Enma Pino, talentosa pianista, guapa, alegre e incrible persoa».

Comentarios