As embarcacións tradicionais danse cita esta fin de semana en Bueu

A asociación Os Galos celebrará o vixésima edicion do seu encontro anual de barcos e navíos
A concentración reunirá en Bueu embarcacións como gamelas, galeones, dornas ou botes
photo_camera A concentración reunirá en Bueu embarcacións como gamelas, galeones, dornas ou botes

A Asociación de Amigos Os Galos de Bueu celebra esta fin de semana o XX Encontro de Embarcacións Tradicionais. Este venres comezarán a chegar os primeiros barcos a Bueu para inscribirse na sala Domínguez Búa. Ademais, o Museo Massó acollerá unha charla ás 21.00 horas sobre os traxes tradicionais de faena. O presidente da asociación, Víctor Domínguez, anunciou que se agarda a participación dunha vintena de diversas embarcacións, que proveñen de lugares como Portonovo, Combarro, Seixo, Bouzas, Cambados e outras.

O gran día será mañá, cando terá lugar, ás 11.00 horas unha navegación tradicional libre e despois unha visita guiada ao Museo Massó. Tras o xantar no Aturuxo, o evento máis destacado é a largada e recollida dunha rapeta coa axuda dun bote polbeiro, acto que se celebrará ás 20.00 horas e que ten como obxectivo "rememorar e dar a coñecer unha das artes de pesca máis estendidas no municipio buenense ata a súa prohibición nos anos 50", destacou o presidente. A Asociación convida a todas as persoas a participar nesta largada, tras a que doarán a rapeta ao Museo Massó.

A xornada de mañá rematará co programa ‘Noites de verán no Massó’, seguido dunha cea e concerto de ‘Os Chavalex’ na terraza do Aturuxo. Por outra banda, ao longo desta semana o colectivo organizaron diversas singraduras pola ría para asociacións da vila, tales como Golfiños, Retrouso ou Argo Navis. A experiencia vai dirixida a unir as asociacións ademais de poñelas en contacto co mar, a través dun percorrido por lugares como a enseada de Bueu, as bateas ou a praia de Lapamán.

Tamén durante esta semana e ata o domingo se pode ver na sala Domínguez Búa unha exposición que percorre os 20 anos de vida de Os Galos, que consta de fotos e planos polos barcos que se levan recuperado ao longo destas dúas décadas. O horario de visita é de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Xa o domingo os barcos visitarán os pantaláns, onde realizarán travesía e pecharán este XX Encontro de Embarcacións Tradicionais.

O COLECTIVO. Antigamente, aos mariñeiros de Bueu coñecíaselles como ‘galos’ debido á curiosa forma das súas velas, que contrastaba cos aparellos cadrados dos barcos que sucaban a ría de Pontevedra alá polo século XIX. Outros din que o alcume de ‘galos’ facía referencia á arrogancia coa que os buenenses surcaban os mares. É desde a humildade e non desde a arrogancia de onde nace a asociación Os Galos, dedicada á restauración dos barcos que se gañaron hai séculos ese sobrenome.

Este colectivo xorde coa misión de poñer en valor a cultura mariñeira que, á fin e ao cabo, é a que conforma a identidade de Bueu. A restauración de embarcacións tradicionais é un traballo duro. A recompensa chega cando estas volven cobrar vida e os membros da asociación disfrutan delas.

Comentarios