En bloque, podemos

Unha semana despois dos brutais recortes en sanidade e educación, a banca consegue cartos públicos para o seu rescate. Os millóns de euros que Mariano Rajoy propón recortar de servizos públicos básicos terán por destinatarios aqueles que provocaron a crise. Por unha banda, os xubilados e xubiladas terán que pagar os medicamentos e, por outra, os directivos prexubilados dos bancos gozan de millóns de euros para retiros tan dourados como inmorais. Mentres os universitarios terán que botar moitas contas para poder seguir os seus estudos, os excesos
inmobiliarios serán cubertos desde o erario público.

Xa case ninguén lembra que esta crise é produto da mala xestión financieira dos bancos e os fondos de investimento. Semella que o aspecto fundamental da crise pasou ao último plano. Incluso poderiamos dicir que agora o Goberno central trata de lavarlles a cara aos xestores bancarios. En Galiza, cunha caída constante do índice industrial e co paro medrando sen descanso, necesitamos alternativas. Necesitamos ilusión e compromiso co país, sentirnos orgullosas e orgullosos dunha lingua e unha cultura coa que podemos fitar o futuro sen complexos. Necesitamos apostar pola educación e a innovación nun mundo en constante cambio.

Este domingo, en Santiago de Compostela, concretamente no Palacio de Congresos (12.00 horas), o BNG vai presentar na súa convención nacional as súas propostas de traballo fronte á crise. Ideas para combater o estereotipo de que nada pode mudar. Queremos compartir coa
sociedade a esperanza de que en Galiza hai alternativa.

                                                                                                    > www.bng-galiza.org

Comentarios