En campaña

Que non en campiña, ollo, a bo seguro preferible a aturar mitins, pegada de carteis, chamadas á participación na “festa da democracia” e peche da mesma cun solemne “nós, os mellores, imos gañar e imos levantar este gran país”. Feijóo xa falou do sentidiño galego, aínda que habería que lembrar que a sucia campaña do 2009 non foi precisamente con senso común, inzada de ataques á imposición do galego e aos coches. Pero aí queda de mostra, de botón e de aguillón. E os gregos sen enterarse, oian, eles tan insensatos falando de referendos populares para decidir se a idílica Europa os rescata a costa de deixar o país heleno feito un eiral.

Xa empezo a ter no buzón a tarxeta da Oficina Electoral, lembrando os meus datos censuais e o colexio onde debo votar. Axiña chegarán sobres, papeletas, propaganda, e as rúas máis inhóspitas encheranse de enormes pancartas coas fotos do Dúo Sacapuntas (perdón, Rajoy e Rubalcaba). Bonito xeito de predicar coa austeridade este de gastar en folletos a toda cor un montón de cartos, eses que nos din que non hai para crear emprego, nin para axudas sociais, nin para sanidade, nin para fomentar valores menos espúreos e máis comprometidos e respectuosos co medio ambiente e os recursos naturais. Fagan, señores políticos, a súa campaña; en min xa gañaron algo insignificante:o meu desprezo.

Comentarios