En conserva

Os lectores de xornais xeneralistas vivirán coa certeza de estarmos gobernados, aquí neste recanto e no enteiro mapa de Europa (coa posible excepción francesa), por políticos conservadores. Se no entanto len boletíns ambientalistas, convenceranse de que os gobernantes non teñen ansia ningunha por conservar.

Eu acabo de informarme de que na Galiza existe un catálogo maiúsculo de especies ameazadas –duascentas– e de que o Goberno galaico conseguiu redactar planos de conservación de tres, despois dun lustro de ardido traballo. Como denuncia a revista Cerna, a ese ritmo tardarán 243 anos en protexelas todas.

Bo é saber que a Xunta, mal e darrastro, quer conservar nesta Arca de Noé a píllara papuda, a escribenta das canaveiras e o sapoconcho. Onde el vai que non vexo exemplares deste último bicho terrestre, substituído por parentes acuáticos de Florida que lles compran aos meniños nas tendas de animais. Canda o réptil acourazado desapareceu o nome tradicional desde que a TVG popularizou entre a rapazada o sinónimo tartaruga. Do paxaro escribidor, que pon ovos caligrafados, tamén non sei hai moito e iso que sempre quixen coñecer o idioma escrito nas cascas ovoides.

Dubido que os rexedores compartillen esta miña curiosidade filolóxica, estou seguro de que non lles dá pena nin gloria a extinción de especies e linguas. Os funcionarios da Consellería de Cultura telefónanme en imperfecto castelán, persuadidos de que xa se extinguiron os escritores en galego.

Comentarios