"Eu entendo a retranca como un humor a contragolpe"

"Temos moito humor e non temos ningún"

Volven as 'Noites de retranca' a Pontevedra (este sábado, 21.00 horas, Pazo da Cultura, ataquilla.com, 12,60 e 16,60 euros) con dous dos actores galegos máis populares entre o público: Luis Zahera e Manuel Manquiña
Manquiña y Zahera
photo_camera Manquiña y Zahera

Tanto el como o seu compañeiro no espectáculo humorístico de Noites de retranca que se poderá ver este sábado en Pontevedra están metidos de cheo en gravacións e só ofrecen a posibilidade de responder unhas preguntas a través do correo electrónico. É así como contestan un test sobre o humor no que apenas coinciden. Luis Zahera (Santiago de Compostela, 1966), actor curtido na televisión e no cinema, que traballou con Agustín Díaz Yanes (Alatriste), Rodrigo Cortés (Concursante) ou Daniel Monzón (Celda 211), agora mesmo grava Vivir sin permiso, con José Coronado e Álex González, para Telecinco. Entre outros, gañou catro premios Mestre Mateo. Segundo conta, cos galegos nunca se sabe, tanto temos moito sentido do humor como non temos ningún.

Personaxe favorito da súa carreira profesional.
Pois o seguinte que veña é o meu preferido! A verdade é que non son nada fetichista. Teño bos recordos da maioría deles.

Características imprescindibles dun bo monologuista.
Facer que ría a xente! Intentar comunicar, aínda que soa un pouco hortera. Alegrar os corazóns.

Que é a retranca?
Un xeito de expresar cousas que ditas doutro xeito soarían peor. É dicir sen dicir e ademais é unha forma de humor característica que precisa de dous, xa que se o aludido non a entende, queda no aire e vaise.

Ten Galicia sentido do humor?
Ten moito e non ten ningún. Depende.

Que lle fai graza? E que non lla fai?
Fanme graza os meus sobriños, a forma que teñen eles de ver o mundo. Non me fan graza as caídas de calquera estilo. Gustaríame rirme con elas pero non podo, son incapaz.

Hai que rir de todo na vida?
Si, absolutamente. E sobre todo este sábado no Pazo da Cultura nas Noites de retranca. Que non me volven chamar se a xente non ri!


Comentarios