lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

ENTREVISTA. "En Ponte Caldelas atopei alumnos bos, máis disciplinados ca os da costa"

Juan Ramón Boga Corbacho
Juan Ramón Boga Corbacho
Juan Ramón Boga Corbacho foi mestre durante 41 anos e 35 deles pasounos impartindo clases en Ponte Caldelas e axudándolles aos nenos a acadar a mellor versión de si mesmos. Esta vila e a súa xente, recoñece, "estarán sempre comigo, alí onde eu vaia"

Juan Ramón Boga Corbacho (Pontevedra, Xeve, 1953), está pendente dun aviso. Vén de cumprir os 64 anos, e por escrito deben confirmarlle a súa xubilación como mestre, tras 35 anos de servizo no CEIP Cordo Boullosa de Ponte Caldelas. "Van alá 41 anos adicados á educación, e 35 en Ponte Caldelas. Coido que xa é suficiente", explica este profesor, que encadeou máis anos que ninguén como secretario dun colexio que non garda segredos para el.

Por que decidiu ser mestre?

Non cheguei a esta profesión por vocación. Miña nai era viúva tomei a decisión con madurez, porque era o que podía estudar en Pontevedra. Despois de acabar a carreira, tocoume a mili no Sahara e ao volver saquei a oposición.

Como cambiou a Educación en catro décadas?

Ao pasar o tempo un vai vendo que a Educación está movida pola política. Cada Goberno trae un plan e deixa sen efecto o anterior e nunca hai consenso para cada avance.

Iso inflúe nos resultados e na valoración que se fai dos mesmos? Son tan malos como di o informe Pisa?

Eu non o vexo dun modo tan dramático. Non podemos medir a todos os alumnos igual. Todo o mundo está convencido de que cada neno ten que chegar arriba de todo. Hai quen ten máis capacidade ca os outros e ao revés. Quen non ten capacidade, pode mellorar polas condicións da contorna, ou quen ten moita e ten un mal ámbito familiar pode verse lastrado. A misión do mestre é tratar de que o alumno alcance a mellor versión de si mesmo.

É certo que os nenos de agora son diferentes aos de fai 15 anos?

Claro. Pero aos nenos de agora fixémolos nós así. Na ensinanza tradicional éramos moi ríxidos. Agora, é ao contrario. Temos algúns nenos que non son capaces de gardar silencio na clase. Pídeselle, pero non están acostumados a obedecer, porque nas súas casas lideran eles. E tampouco temos máis ferramentas para recuperar a autoridade. Con novas tecnoloxías os nenos teñen ao alcance moitas cousas, pero sen atención, sen a escrita e sen esforzo, pouco queda. Vimos dunha época na que non se podía pór menos que P.A. (progresa axeitadamente) porque suspender era un trauma. Pois eu creo que a frustración, a súa dose adecuada tamén pode ser revulsivo para mellorar.

Como valora o seu paso por Ponte Caldelas?

Como mestre, atopei a uns alumnos bos e dóciles, máis disciplinados que os da costa. Aínda hoxe atopo aos máis maiores e trátanme como a un amigo, e os máis mozos saúdanme e lémbranse de anécdotas no colexio. Eles motiváronme para vivir alí moitos anos, aínda que agora estou en Pontevedra. Considérome xeveiro e pontecaldelán de adopción. Alí onde vaia, Ponte Caldelas virá conmigo.

Por que foi o secretario do seu centro tantos anos?

Fun secretario con todos os directores porque me gustaba xestionar e sempre me escollían para iso. Foi un orgullo implicarme en ter un centro mellor e un equipo unido, que conservou a boa relación, mesmo de amizade, máis aló das diferenzas.

E a que se debe esa fama que ten de profesor manitas?

(Risas) Un pouco pola miña personalidade, observadora. Fun vendo como facían uns e outros, e fun adquirindo algo de habilidade en abrir portas atrancadas, arranxar persianas e ata a botar a funcionar fotocopiadoras.

Que lle diría aos seus exalumnos?

A todos lles diría que tratei de ser honesto como mestre e de axudarlles a chegar a onde merecen estar ensinándolles os contidos, pero tentando ser tamén un referente, cunha actitude positiva. E espero telo conseguido.

ENTREVISTA. "En Ponte Caldelas atopei alumnos bos, máis...
Comentarios
ç