''Hace falta un empujón para complementar el conocimiento tecnológico con la actitud emprendedora''

O Director da Escola Técnica de Enxeñeiros Informáticos da Universidade de Vigo, Enrique Barreiro, é consciente de que a maioría dos seus alumnos aspiran a ter un posto como funcionarios ou ser traballadores por conta allea, pero ''estamos convencidos de que este país necesita máis xente con ganas de emprender aventruas empresariais''. Por iso, na Escola buscan que o estudantado enfoque a súa vida profesional dende esta perspectiva.

Pregunta:
Como mudou ou mundo empresarial coa irrupción de Internet?

Resposta: O que provocou Internet, en primeiro lugar, é un cambio na percepción de cal pode ser o noso mercado. Unha tenda como era Barrabés non podía aspirar a ser máis que unha tenda nun pobo dos Pireneos, e como moito podería pensar en abrir tendas en diferentes estacións de esquí de distintos países. Con Internet, Barrabés é unha empresa global, cuxo mercado é o mundo. Doutra banda, Internet provocou a aparición de novos modelos de negocio e o rápido esborralle doutros. Para as empresas que non son capaces de aceptar que as regras cambiaron e que necesitan transformar os seus modelos de negocio, Internet é unha traxedia: é o caso de industrias como a editorial ou a do audiovisual. Para quen ten o interese por comprender e a capacidade de adaptarse e imaxinar novos modelos de relación co cliente e novas formas de vender, Internet é un infinito mundo de oportunidades.
 
P: Que posibilidades lle ofrece a Rede aos novos emprendedores?

R: Un mar de posibilidades: a posibilidade de expor o seu negocio cunha perspectiva global, reducidas barreiras de entrada en moitos negocios, facilidade para tecer redes de contactos, conversar desde o primeiro momento a través da web social cos seus clientes e coñecer de primeira man as súas inquietudes, coñecer a quen se lle ocorreu a túa idea antes (e sempre hai alguén a quen se lle ocorreu a túa idea) e que se debe ou non se debe imitar,...
 
P: Que lle ofrece a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Informáticos aos emprendedores Tic?

R: Unha porcentaxe moi elevada dos nosos alumnos, como ocorre en todo o Estado, ten como principal aspiración converterse en funcionarios ou conseguir un traballo relativamente estable por conta allea. Son aspiracións totalmente lexítimas, por suposto, pero estamos convencidos de que este país necesita máis xente con ganas de emprender aventuras empresariais. Por iso desde a Escola buscamos que cada vez máis alumnos enfoquen a súa vida profesional desde esta perspectiva: utilizan e desenvolven a tecnoloxía e continuamente ocórrenselles ideas sobre aplicacións das tecnoloxías informáticas, así que o que fai falta é un empuxón para complementar ese coñecemento cunha actitude emprendedora. Por iso colaboramos en iniciativas da Confederación de Empresarios, co Encontro Internacional de Emprendedores que organiza anualmente o Concello de Ourense, patrocinamos o evento Iniciador Galicia, ou diriximos o Traballo Fin de Máster do Máster en Consultoría de Software Libre cara ao desenvolvemento de empresas e a súa presentación e defensa con empresarios e investidores.
 
P: Como se debe abordar a formación en novas tecnoloxías?

R: Na miña opinión, sen perder nunca de vista que a tecnoloxía non é un fin en si mesma, senón un instrumento para facer a vida de persoas e empresas máis fácil, eficiente, produtiva e, por que non, divertida. As titulacións tecnolóxicas deberían de ter sempre presente este enfoque e que os seus titulados teñan claro que o seu traballo ten que integrarse nas necesidades e a realidade dunha organización.
 
P: É Galicia unha terra de emprendedores en negocios a través de Internet?

R: Estou convencido de que así é. Tiña as miñas dúbidas respecto diso ata que acudín á primeira reunión do evento Iniciador Galicia, onde fun consciente de que hai moita xente con moitas ideas e moitas ganas de convertelas nun proxecto real en Internet. Hai empresas galegas en Internet cunha gran capacidade de innovación tecnolóxica, gran visión global e que sigo con moita atención, como Jobsket, Ipoki, BidoBido, ou Confirmsign. A gran cantidade de candidaturas que se están presentando a estes premios Innova-G son outro claro indicador.
 
P: Ten potencial Galicia non eido das TIC?

R: Si, por suposto. Por unha banda queda un mundo por facer nas empresas galegas, que se queren mellorar a súa produtividade e a súa competitividade terán que facelo en gran medida a través dun uso eficaz das tecnoloxías da información, e grandes doses de innovación tecnolóxica. Por outra banda, o sistema universitario de Galicia pon anualmente no mercado laboral titulados do ámbito da Enxeñería Informática e da Enxeñería de Telecomunicacións, altamente cualificados. Hai que recoñecer, no entanto, que a pesar de que afortunadamente segue habendo traballo, este en moitos casos non permite satisfacer as súas aspiracións profesionais ou está moi mal pago, polo que se está producindo un proceso de emigración de talento cara a outras comunidades e outros países europeos que podemos pagar moi caro.
 
P:
Como debe ser un negocio baseado en Internet para ser rendible?

R: Pois, como en calquera outro tipo de negocio, tes que ter un produto ou servizo atractivo, ben a un prezo competitivo ou cun factor especialmente diferenciador, complementado cun bo servizo de atención ao cliente, un bo labor comercial e unha adecuada xestión económica e financeira da empresa. Nese sentido, non hai nada novo baixo o sol e pódese resumir en traballar, traballar e traballar. O que un negocio estea en Internet non fai que haxa que esquecerse dos aspectos que fan funcionar os negocios do "mundo físico".
 
P:
Os premios coma os Innova-G de Agestic poden animar a emprendedores nas TIC?

R:
Si, sobre todo pola repercusión mediática que supoñen e a visualización de que hai outros emprendedores, que hai máis xente con ideas, con ganas de facer cousas novas, de probar novos modelos de negocio. Iniciativas como esta son imprescindibles para que o que inicia o camiño do emprendemento se sinta máis acompañado e recoñecido, pero non hai que esquecer que aínda queda moito por facer e a Xunta de Galicia, a través da Axenda 2014.gal ten a oportunidade de articular políticas activas que axuden a estes emprendedores

Comentarios