Entre paréntese

Vai frío neste outono aparentemente quente. Que gran contradición!! A estación vai por un lado e as temperaturas  altas  por outro. Créanme, non é unha teima sen sentido. Por moito que se empeñen os homes e as mulleres do tempo en confirmar o contrario, vai frío. Non é algo que sexa fácil de percibir a simple vista. Non imos máis abrigados ca de costume nin exhalamos vao ó camiñar. É unha friaxe distinta que encolle e conxela o corazón. Os pais queren protexer os seus fillos incondicionalmente, imaxinan que nada malo pode sucederlles, porque non é natural, como tampouco o é sobrevivilos. Pero a vida encárgase unha e outra vez de darnos labazadas e, nos casos máis dolorosos, de machacarnos cunha abrupta sentenza de morte, cando menos se espera”.

Hai aproximadamente un mes que empecei a escribir estas primeiras liñas, logo de  coñecer o tristísimo final da nena Asunta.  As palabras brotaban con fluidez  motivadas pola sorpresa e a espontaneidade do  momento. O que seguía dorme  agora entre  parénteses, e  xá non ten sentido  reproducilo aquí, porque  quedou esnaquizado, á vista de como discorreron os acontecementos.

Sigo pensando que as noites quedan xélidas, que, se non sentise frío  por algo así, estaría perdida. Sigo pensando que me gustaría  quitar ese  paréntese, aberto apresuradamente, e contar o que falta, como se a narración non se vise alterada, e fose unha  verdade dolorosa pero  inocente, coma as palabras  inxenuamente  escritas. 

Comentarios