A Escola de Cantería da Deputación estrea novo curso con 30 alumnos

O centro educativo, situado na parroquia de San Salvador, ofrece dúas modalidades formativas, ordinaria e específica
As clases comezan en outubro e desenvolveranse ata o vindeiro mes de xuño.
photo_camera As clases comezan en outubro e desenvolveranse ata o vindeiro mes de xuño.

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, situada na parroquia de San Salvador, iniciou este luns un novo curso, no que tomarán parte 30 alumnos. Como xa é habitual, as clases finalizarán en xuño. O centro está dirixido a persoas menores de 35 anos, que teñan na súa posesión o título de graduado escolar ou que rematasen o nivel educativo equivalente. Asi instalacións ofertan dúas modalidades de formación, a ordinaria, para a formación en canteiro ou canteira e mestre ou mestra, e maila específica, en horario nocturno, dirixida a persoas con coñecementos previos en cantería.

Este ano, a Escola de Cantería conta con doce instritos no primeiro bloque, distribuídos entre cinco anualidades (a formación en canteiro ou canteira dura tres anualidades, mentres que a de mestre ou mestra é de cinco). Nesta modalidade, o alumnado recibe formación nas materias de debuxo artístico, debuxo técnico, construción, historia da arte, cantería, escultura e modelado. Por outra banda, este ano están matriculadas na formación específica 17 persoas, que recibirán formación en escultura e cantería.

FORMACIÓN. Desde o ano 1979 a Escola de Cantería ensina a traballar a pedra e a estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector da elaboración dos traballos en pedra. Os pupilos reciben unha formación moi completa estudando, ademais de cantería, modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción e realizando prácticas de laboratorio e informática.

Xunto á formación regrada para obter o título de canteira ou canteiro e mestra canteira ou mestre canteiro, tamén se imparte formación complementaria sobre programas de deseño asistido, cursos de Autocad, de Photoshop, de primeiros auxilios ou de riscos laborais.

A formación que o alumnado recibe nesta Escola é eminentemente práctica e así, moitas das súas obras de arte, como cruceiros, monolitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas están a ser situadas en lugares de Galicia, de toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas están a traballar na restauración do Capitolio de Washington, a restauración do barrio de Chiado de Lisboa, traballos de restauración e rehabilitación da Catedral de Santiago, a construción da Sagrada Familia de Barcelona e tamén na Catedral de Westminster, de Londres.

Comentarios