La escuela de música de los cien alumnos sigue creciendo en Vilaboa

A iniciativa liderada por un grupo de pais de Cobres coa axuda do Concello conta xa con máis de 100 alumnos, Diverbanda e coro
Todos os membros da Escola de Música de Vilaboa nunha ‘quedada’ para facer a foto da web da entidade
photo_camera Todos os membros da Escola de Música de Vilaboa nunha ‘quedada’ para facer a foto da web da entidade

Medrar aprendendo. Ese é o obxectivo dos alumnos da Escola de Música de Vilaboa, o xérmolo dunha banda de música que existe desde fai catro anos neste Concello e que medra a unha velocidade vertixinosa. Da vintena de alumnos do primeiro ano, pasaron á centena deste ano, na que a escola, dirixida por Daniel Figueira Bello (Catoira, 1986), suma máis de 12 docentes que se adican a ensinar solfeo e instrumentos a todo o que así o demanda.

Esta escola de música naceu a raíz dunha actividade extraescolar plantexada por uns pais da ANPA do CEP Plurilingüe Riomaior. Ao acabar o curso, vendo que na zona non había nada parecido, os pais propuxéronlle a Daniel que presentara un proxecto ao Concello. A entidade municipal non tiña forma de asumir como propia a escola, pero garantizou parte do apoio económico necesario, de modo que, coa fórmula dunha organización sen ánimo de lucro, botou a andar esta iniciativa. 

A aportación do Concello apenas dá para cubrir a seguridade social dos mestres, o resto reúnese con cuotas e actividades extra


«Temos alumnos de tres anos, que a esa idade veñen a linguaxe musical, pero tamén os temos de 70, porque se trata dunha proposta na que todos podemos aprender», explica Daniel.

Co paso do tempo demostrouse que non só os pequenos querían ser quen de tocar un instrumento, polo que, agora a escola ten clases específicas para os maiores (en realidade, as horas de instrumento son individais, polo que a idade do alumno é indiferente) e mesmo unha pequena coral de 18 mulleres do concello que se montou ao abeiro desta iniciativa. Para Daniel, o director, tal vez o máis ilusionante sexa «ter algúns alumnos que xa poden ir ao exame do Conservatorio despois dos primeiros anos de formación».

Outra das propostas é a Diverbanda, na que tocan os pequenos en canto comezan a manexar os instrumentos. Esta iniciativa serve para que os cativos se motiven ante o feito de actuar, pero tamén para que as parroquias de Vilaboa poidan contar coa presenza da formación musical, na que os alumnos comezan a facer os seus progresos. O ano pasado, coa visita da banda de Cambados para unha actividade común, demostrouse o bo nivel do alumnado.

A Escola de Música de Vilaboa conta con financiación do Concello, que chega para cubrir a seguridade social dos mestres. O resto, págase con fondos que aportan os pais e os alumnos. Ademais de pagar as cuotas polas horas de clase, toda a comunidade está a facer un gran esforzo para reunir fondos que permitan comprar máis material. «Temos que ter máis percusión para ensinarlle aos cativos linguaxe musical, e fan falla instrumentos específicos. Todo é moi caro e a única forma de financialo é o inxenio». Así, entre outras cousas, fixeron calendarios e outras actividades, mesmo vender lotería de Nadal (que, por certo) e seguen a buscar mecenas e apoio entre as empresas e entidades sociais de Vilaboa.

Comentarios