martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Escribindo mil primaveras máis na nosa língua

 Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o departamento de Lingua Galega e o
Equipo de Dinamización Lingüística do noso instituto, o IES Saturnino Montojo, convocan
desde hai vinte anos un certame literario con dúas modalidades: poesía e prosa. Como novidade, este ano os textos en prosa debían ser microrrelatos.

Todos os alumnos do centro puidemos presentar os nosos textos a este concurso. Porén,
aproveitamos a participación neste especial do xornal LV. De Luns a Venres para publicar aquí as composicións que resultaron gañadoras nesta edición.

Os profesores destacan que a cantidade e a variedade dos textos presentados “nos reafirman na idea de que os nosos alumnos si teñen interese pola literatura e son moi creativos”. “Agradecemos a participación de todos eles, o que sen dúbida contribúe a conseguir o desexo de Álvaro Cunqueiro: mil primaveras para a nosa lingua.

1º PREMIO DE MICRORRELATO

Irene Castelos Cortizo
2º BAC-C.

SEGUE A LUZ. Ergueu o brazo tentando rozar coa punta dos seus dedos aquela masa incorpórea que danzaba preto dela, serpeante, atraente. Levaba moito tempo, xa non lembraba canto, agardando por aqueles intres nos que sentía que o mundo estaba baixo os seus pés. Tiña a convicción de que debía chegar ata alí, entrar no campo daquela masa incorpórea, multicolor, como se dunha aurora boreal se tratase.

Ignorou a electricidade que recorría as súas extremidades, facendo vibrar o reloxo de pulso. Sentía o seu corpo moi pesado, cada vez máis.

Tivo que facer un esforzo incrible para apartar o cabelo louro do rostro e manter a mirada fixa no seu obxectivo.

Un paso máis, despois outro, non podía crer que estivese tan preto. Xamais na súa vida o pensara. Suspirou, comezaba a levantarse un refacho de vento quente e as de impotencia facían o percorrido previsto, deixando un rego nas súas meixelas.

Entón, case coma se non esperase que ía pasar, espertou.

Suspirou na escuridade, aínda se atopaba no hospital. Pasou as mans pola súa cabeza limpa, sen cabelo. Tentou apartar os tubos con desesperación... Pero non chorou, quizais soamente tiña que agardar unha noite máis.

2º PREMIO DE MICRORRELATO

Cristina Prieto Solano 
2º BAC - A

PEDRAS E VIDAS. - Que fas? - dixo mentres me miraba con curiosidade.

Guindei a pedra que acababa de coller na area da praia agora aire e, cando ía caer, aparteime da súa traxectoria con confianza.

- Que ten de raro?- preguntei sen inmutarme.

- Non é normal, a xente non vai pola vida facendo esas cousas- contestou ela, mentres sentaba nunha rocha próxima.

"Trato de facerte com-prender" pensei, pero non foi iso o que dixen:

- É o que fas ti dende sempre -collín outra pe-
dra do chan sen darlle tempo a replicar- fabricas os teus propios dramas, esparéxelos por aí -tirei a pedra ao aire- e logo escapas deles no derradeiro momento.

Engurrou o cello, consciente do que lle estaba a dicir.

- E que? Se a miña vida é máis interesante así...

- Que un día non te apartarás a tempo.

E a pedra caeu cun sonoro e seco golpe xusto no centro da miña cabeza.



  

3º PREMIO DE MICRORRELATO 

Sara Carreño Muíños
4º de ESO A

A GUERRA 6312, E A DERRADEIRA. O espertador volvía xogarme unha mala pasada, tería que estar erguida dende as sete, e eran as oito e media cando abrín os ollos de súpeto. Aínda que non tiña moi claro se fora culpa do espertador ou miña por non oílo, pero prefería botarlle as culpas a algo que non puidese discutir.

     Mirei pola fiestra, todo tan desolador coma sempre dende había uns catrocentos anos, cando comezara todo. O vexetal dende entón case non medra e todo está cuberto de area, coma se fose un deserto xigante. Segundo din na televisión, os políticos demostraron o seu desagrado fronte ao resultado, aínda que tiñan que saber que todo acabaría así despois de tantas guerras.

     Aos meus dezasete anos xa me acostumei aos ruídos constantes das bombas que caen ao noso redor. Saín correndo cara ao instituto, aínda que sabía que non era seguro saír da casa e moito menos estar no centro de estudo, branco predilecto para os avións dos inimigos, que nin tan sequera sabía se querían invadir, facerse máis poderosos ou simplemente destruír a humanidade. Entrei xusto no momento no que pechaban as portas, co medo no corpo, pero hoxe as bombas soaban lonxe e non parecían cheg... BUM!


 

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización Lingüística do noso instituto, o IES Saturnino Montojo, convocan desde hai vinte anos un certame literario con dúas modalidades: poesía e prosa. Como novidade, este ano os textos en prosa debían ser microrrelatos.

Todos os alumnos do centro puidemos presentar os nosos textos a este concurso. Porén, aproveitamos a participación neste especial do xornal LV. De Luns a Venres para publicar aquí as composicións que resultaron gañadoras nesta edición.

Os profesores destacan que a cantidade e a variedade dos textos presentados "nos reafirman na idea de que os nosos alumnos si teñen interese pola literatura e son moi creativos". "Agradecemos a participación de todos eles, o que sen dúbida contribúe a conseguir o desexo de Álvaro Cunqueiro: mil primaveras para a nosa lingua.

1º PREMIO DE POESÍA 

Loitando por manter a fe      
Pablo Montero Castro, 2º BAC-C            

Rexeitado polo colo da noite, procuro unha man aberta,

que saiba compracer esta pluma que atopei no chan,

que pretende facer voar todas as miñas verbas,

soterradas na praza do desacougo e a timidez.

 

Ninguén quixo escoitar o canto daquela serea,

todos, presos do potente lume que sae do luar,

cada día é máis doado falar con señor Poema,

cada noite é máis difícil escapar de don Envellecer.

 

Co rostro engurrado e canso, paseo na ponte máis vella,

percorro longas etapas de lírica coa que apaixoar,

sen máis, saúdo ás follas que querían caer na primavera,

téñenlle envexa ás que caen do meu caderno de dez en dez.

 

Muller, que queres de min se a nostalxia é a miña irmá inqueda?

- Adiviñar o teu perfume no medio da xente é maxia do vil espertar…

Revelar segredos é o menor de todos os meus problemas…

- Pero para iso cómpre unha boca que deixe de se enmudecer.

 

Arriba e abaixo… Arriba e abaixo! Deste xeito saltan as letras,

namentres que na cabeza as dúbidas acoden de par en par,

de bar en bar agochados, atópanse eses poetas,

bebendo da miseria e loitando por manter a fe.

Escribindo mil primaveras máis na nosa língua
Comentarios
ç